31.8.09

Programación das xornadas "Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos".



xoves 3 de setembro
TERTULIA DOS XOVES
(sala de tertulias da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán)
17h- Presentación do libro O club da calceta de MARÍA REIMÓNDEZ
19h- Monólogos O club da calceta por TEATRO DO MORCEGO


venres 4 de setembro
21h- A cita por EXPERIMENTA DANZA-TEATRO
(Paraninfo da Universidade)


xoves 10 de setembro
PIONEIRAS E ANÓNIMAS
(Auditorio Real Academia Galega)
17h- Relatorio: Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro
MARÍA JESÚS BUSTO FARIÑA e CARMEN BLANCO
19h- Mesa redonda: Traballadoras do fogar
XIARA, ACSUR, CENTRO ATENCIÓN HOGAR-CÁRITAS, NOMEPISESOFREGHAO
21h- maribingo por MARIBOLHERAS PRECÀRIAS


venres 11 de setembro
FEMINISMO(S)
(Auditorio Real Academia Galega)
17h- Conferencia: Tendencias dos feminismos no século XX:
ROSA COBO
19h- Relatorio:Revistas feministas galegas:
Festa da palabra silenciada (MARÍA XOSÉ QUEIZÁN)
e Andaina (NANINA SANTOS)
21h- Inauguración intervención artística:
MÓNICA CABO: Xogo de damas. Espazos de recreación
(Muralla Hospital Militar- Fundación Luis Seoane, Paseo Marítimo)



xoves 17 de setembro
PIONEIRAS E ANÓNIMAS
(Auditorio Real Academia Galega)
17h-Conferencia: Apuntes sobre as orixes das reivindicacións das mulleres e as anónimas galegas:
AURORA MARCO
19h- Mesa redonda: Contenedor de feminismos/ O peche de Odosa
(As loitas das mulleres da Conserva na Comarca do Salnés durante os anos oitenta)
LOLI ROMERO LORES, CARME FERRO, MAR SUÁREZ, MARI LUZ GARCÍA VIGO, UQUI PERMUI, CARME NOGUEIRA
21h- Inauguración-peche intervención artística:
CARME NOGUEIRA: Contenedor de feminismos
(Obelisco, Cantóns)


venres 18 de setembro
FEMINISMO(S)
(Auditorio Real Academia Galega)
17h- Conferencia: Réxime farmacopornográfico
BEATRIZ PRECIADO
19h- Relatorio: Identidade de xénero e sexualidades non heteronormativas
BEATRIZ SUÁREZ BRIONES e RUBEM CENTENO PARADELA
21h- Espectáculo teatral e musical:
Os dildos (Making-off de xénero) por CHÉVERE


Información sobre as participantes:

TERTULIA DOS XOVES

MARÍA REIMÓNDEZ
Tradutora, intérprete e escritora. Investiga sobre a interacción do feminismo, o poscolonialismo e a traducción. Leva traballando en proxectos de cooperación internacional desde o ano 1994, favorecendo a superación da discriminación de xénero en países desfavorecidos. No 2006 escribiu O club da calceta.


CONFERENCIAS

AURORA MARCO
Rescatará figuras femininas do ámbito galego, anónimas e pioneiras de finais do século XIX até a Guerra Civil.
Profesora de Didáctica da Língua e de Literatura Galega na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. É autora do Diccionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975 (2007) , Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002) ou As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (1993).

ROSA COBO
Analizará e explicará as diversas correntes feministas desenvolvidas na segunda metade do século XX: diferenza, igualdade, construccionismo...
Profesora na Facultade de Socioloxía de A Coruña, onde foi unha das fundadoras do Seminario Interdisciplinar de Estudos Feministas. Foi codirectora do Máster Experta en Xénero e Políticas de Igualdade. Ten escrito abundantes artigos sobre xénero e actualmente investiga sobre feminismos, multiculturalidade e globalización.

BEATRIZ PRECIADO
Falará do réxime farmacopornográfico: a tiranía da produción de corpos, xéneros e sexualidades a partir das hormonas e da pornografía.
Activista queer, filósofa e profesora de Teoría do Xénero en diferentes universidades estatais e internacionais, como a Universidade de París VIII, L' Ecole des Beaux Arts de Bourges. Dirixe o departamento de xénero no Programa de Estudios Independentes do MACBA. É autora de Manifiesto Contra-sexual (2000), Testo Yonqui (2008) e outros ensaios sobre o tema.


RELATORIOS

MARÍA JESÚS FARIÑA BUSTO
Presentará a figura de Emilia Pardo Bazán desde o feminismo. Profesora de Literatura Española na Universidade de Vigo. A súa investigación está centrada na obra de escritoras, fundamentalmente hispanoamericanas -como Cristina Peri Rossi- desde unha perspectiva teórica feminista. Ten publicado diversos artigos sobre estas cuestións; é coeditora de Escribir en femenino: poéticas y políticas (2001).

CARMEN BLANCO
Falará de Rosalía de Castro desde unha óptica feminista. Profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC). Participou activamente no movemento feminista galego desde os anos setenta. Escribiu numerosos libros sobre cuestións referidas á escrita de mulleres ou a relación do xénero co poder, coma 0 contradiscurso das mulleres (1995) ou Sexo e lugar (2006).

A FESTA DA PALABRA SILENCIADA
Revista de cultura, producida por Feministas Independentes Galegas e dirixida por MARÍA XOSÉ QUEIZÁN, que sae á luz no ano 1983 co propósito de sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento. Ata o ano 1998 foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico.


ANDAINA
Revista de pensamento feminista xurdida no ano 1983 que funciona de xeito asambleario, tendo como editora xefa a NANINA SANTOS. Estivo vencellada desde o principio ao Movemento Feminista Galego. Trata temas variados: socioloxía, política ecoloxismo, arte, literatura...


BEATRIZ SUÁREZ BRIONES
Falará da teoría queer e a sexualidade en relación á literatura.
É profesora de Teoría da Literatura na Universidade de Vigo. Investiga arredor das interseccións entre a teoría feminista coa sexualidade, o pensamento queer, a psicanálise e a literatura de mulleres. É autora de Sextualidades: Teorías literarias feministas (2003), é coeditora de Escribir en femernino: poéticas y políticas (2001), de Mujer, adulterio y cine (2003) e da sección dedicada á escrita de mulleres na Galiza en Breve historia feminista de la literatura española (2001).

RUBEM CENTENO PARADELA
Falará da revisión das masculinidades, facendo unha revisión do movemento gai.
Sociólogo e activista do colectivo activista queer Maribolheras Precàrias de A Coruña, integrantes da rede internacional polo "Descontrol de xénero e sexual". Teñen desenvolto numerosas campañas e accións en torno a problemáticas de xénero, sexualidade, migración e precariedade laboral. Organizaron as primeiras manifestacións queer, -como alternativa ao institucionalizado Día do Orgullo Gai, na Galiza. Editan a revista As + perralheiras.



MESAS REDONDAS

XIARA
Asociación de Empregadas do Fogar de Santiago de Compostela. Levan a cabo diversas actividades e campañas de sensibilización sobre a precariedade laboral que sofren. Forman parte da "Plataforma pola dignificación do Emprego de Fogar".

ACSUR
ONG estatal centrada en promover e realizar accións, proxectos e programas de cooperación ao desenvolvemento, sensibilización, axuda humanitaria e solidaria cos pobos do Sur, prestando especial atención á temas de xénero. A delegación galega ultimamente ten realizado actividades en torno ao traballo doméstico. Falará MARTA CASAL.

CENTRO ATENCIÓN HOGAR-CÁRITAS
desenvolven un proxecto xurdido de "Equal-En plan de igualdad" -dentro da Asociación Coruña Solidaria- desde hai tres anos, tendo como responsable a PAULA LOBAGUEIRA. Está focalizado na revalorización ocupacional e a regularización da actividade das empregadas domésticas.

NOMEPISESOFREGHAO. Moreia de parafeministas desgeneradas
colectivo feminista coruñés vencellado ao Centro Social Atreu! -impulsor da Rede de Dereitos Sociais (rds) na cidade-. Foron algunhas das promotoras da Campaña do 8 marzo do 2009, centrada nas problemáticas do traballo doméstico. Falará ROCÍO FRAGA.


CONTENEDOR DE FEMINISMOS/O PECHE DE ODOSA
Presentación da primeira document-acción do Contenedor de Feminismos, centrada nas loitas das mulleres do sector conserva na Comarca do Salnés durante os anos oitenta. Diante dunha fábrica en desuso en Vilaxoan falouse con catro das protagonistas, rememorando os vinte anos do peche de Odosa: LOLI ROMERO LORES e CARME FERRO (traballadoras da conserva), MAR SUÁREZ (sindicalista), MARI LUZ GARCÍA VIGO (avogada), UQUI PERMUI, ANXELA CARAMÉS e CARME NOGUEIRA (Contenedor de feminismos)


INTERVENCIÓNS ARTÍSTICAS

MÓNICA CABO
Xogo de damas. Construción de espazos de recreación
Posiciónase dende o activismo queer para subverter os roles de xénero tradicionais, amosando corpos e prácticas sexuais alonxadas de calquera tipo de normativización social.
"Quería que a área elixida do espazo público, ao ser intervida polos efectos da experiencia lúdica do patchwork, puidera converterse nun novo lugar de ocio para os cidadáns. Non sería tanto invadir a rúa a través de prácticas do ámbito privado como crear un lugar que aluda á memoria colectiva, recuperando de materiais de construción dos nosos fogares, como é o sintasol"


CARME NOGUEIRA
Contenedor de feminismos
Interésase polas obras en proceso e contextuais, xerando instalacións nas que as reflexións críticas sobre o espazo, as discusións de xénero e o papel do espectador convértense en fundamentais.
"Quería visibilizar a proposta de Uqui Permui e Anxela Caramés -Sen consigna. Contenedor de feminismos- de retomar o arquivo feminista de Galicia, polo que propuxen un dispositivo móbil para poder exhibir o material que se vaia recopilando. Penseino como un contenedor que permite reflexionar sobre o feito de arquivar e facilite falar do lugar que hai entre o público e o privado, para poder recuperar ás persoas que están detrás dos procesos colectivos"



ACTIVIDADES ESCÉNICAS

TEATRO DO MORCEGO
O club da calceta
Dous monólogos da adaptación teatral da novela de María Reimóndez O club da calceta, dirixida por Celso Parada, representados polas actrices Elina Luaces (a beata) e Laura Ponte (a intelectual). Na obra seis mulleres moi diferentes entre si acuden a clases de calceta, un lugar tradicionalmente feminino que non obstante lles serve para unirse debido á converxencia das súas frustacións, tomando así conciencia da súa situación persoal e atopando as forzas para poder superala.


EXPERIMENTADANZA-TEATRO
A Cita
¿Que ocorre na cabeza e no corpo dunha muller cando perde a dignidade?
Cando o tempo de desexo convértese en tempo de medo.
Cando o fogar é unha prisión e a parella un verdugo.
Do amor á incomprensión, do bico interminabel ao maltrato físico, do respecto á máis absoluta crueldade. Por que?
Mais existe a esperanza, cando nos intentan encarcerar e somos quen de facer brotar flores da terra seca e as nosas alas axúdannos a voar.
Texto: Xoan Carlos Mejuto
Coreografía: Carlota Fraga


CHÉVERE
Os dildos (Making-off de xénero)
Espectáculo que consta de dúas partes: por un lado, unha charla para-teatral sobre a construción e a deconstrución dos xéneros (partindo de Beatriz Preciado e da experiencia das actrices Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro durante os ensaios da obra Testosterona e a realización do obradoiro drag-king Ser home por un día, realizado coa colaboración da maquilladora Fanny Bello), e, por outra parte, o concerto punk-rock de Os Dildos, con letras inspiradas no "Manifesto Scum" de Valerie Solanas.


MARIBOLHERAS PRECÀRIAS
Maribingo
Recuperación dos tradicionais bingos nos que as mulleres de xerazóns anteriores atopaban un lugar onde poder reunirs e e falar das súas cousas, superando o ámbito do doméstico e equiprándose ás actividades de tipo social dos homes. Reiventan este formato engandíndolle contido crítico respecto ao xénero, sen esquecer o compoñente lúdico da festa, na liña das súas accións e producións.

27.8.09

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acollerá en setembro as xornadas ‘Contra vento e Marea. Verbas e pegadas dos Feminismos’



• FARASE UN PERCORRIDO DESDE AS PRIMEIRAS LOITAS FAMINISTAS DO SÉCULO XIX ATA Á ACTUALIDADE FACENDO ESPECIAL FINCAPÉ NO ÁMBITO GALEGO E TENTADO AMOSAR UNHA PANORÁMICA AMPLA E PRURAL

• ORGANIZA A CASA-MUSEO EMILIA PARDO BAZÁN EN COLABORACIÓN COA CONCELLARÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA

• AS XORNADAS ARRANCAN O 3 DE SETEMBRO E CELEBRARANSE DURANTE OS XOVES E VENRES DO MES

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá que dirixe a Concelleira Margarida Vázquez Veras, celebrará en colaboración coa Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Deputación, durante o mes de setembro, unha serie de xornadas nas que baixo o nome ‘Contra vento e Marea. Verbas e Pegadas dos Feminismos’ incluirá conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa.

O lema ‘Contra vento e marea’ fora elixido por Emilia Pardo Bazán para reivindicar o seu compromiso co traballo intelectual tendo en conta as evidentes trabas da época. Con esta actividade búscase poñer en valor o legado da Condesa na actualidade, unha figura recoñecida pola súa defensa na debatida cuestión da educación das mulleres.

Así, proponse unhas xornadas de achegamento ás cuestións de xénero nas que a través de dous bloques (pioneiras e anónimas e feminismo) farase un percorrido desde as primeiras loitas feministas do século XIX ata a actualidade, facendo especial fincapé no ámbito galego e tentando amosar unha panorámica ampla e plural.

A programación arrancará o 3 de setembro con María Reimóndez, tradutora, intérprete e escritora que investiga sobre a interacción do feminismo, o poscolonialismo e a tradición ademais de traballar dende 1994 en proxectos de cooperación internacional favorecendo a superación da discriminación de xénero en países desfavorecidos.

Beatriz Preciado será outras das participantes nestas xornadas e falará do réxime farmacopornográfico, é dicir, a tiranía da produción de corpos, xéneros e sexualidade a partir das hormonas e a pornografía. Activista queer, filósofo e profesora de universidades estatais e internacionais, como a Universidade de Paris VIII, L’Ecole des Beaux Arts de Bourges. Dirixe o departamento de xénero no Programa de Estudios Independentes do MACBA e é autora de ‘Manifiesto contra-sexual’ (2000) e ‘Testo Yonqui’ (2008) entre outros ensaios sobre o tema.

Outros nomes que soarán nestas xornadas será o de Aurora Marco que rescatará figuras femininas do ámbito galego, anónimas e pioneiras de finais do século XIX até a Guerra Civil; Rosa Cobo quen analizará as diversas correntes feministas desenvolvidas na segunda metade do século XX; María Jesús Fariña Busto que presentará a figura de Emilia Pardo Bazán desde o feminismo; Carmen Blanco que falará de Rosalía de Castro desde unha óptica feminista;Beatriz Suárez Briones que se centrará na teoría queer e a sexualidade en relación á literatura; ou Rubem Centeno Paradela que falará da revisión das masculinidades facendo unha revisión do movemento gai.

O programa inclúe ademais distintas intervencións artísticas no espazo público con Mónica Cabo e o ‘Xogo de damas. Construción de espazos de recreación’ co que se posiciona desde o activismo queer para subverter os roles de xénero tradicionais, amosando corpos e prácticas sexuais lonxanas de calquera tipo de normativización social; ou Carmen Nogueira ‘Sen Consigna. Contenedor de feminismos’ co que interésase polas obras en proceso e contextuais, xerando instalacións nas que as reflexións críticas sobre o espazo, as discusións de xénero e o papel do espectador convértense en fundamentais.

Nas actividades escénicas propostas para estas xornadas participarán Teatro do Morcego co ‘O Club da calceta’. Chévere ofrecerá a obra ‘Os dildos’ un espectáculo que costa de dúas partes. Por un lado unha charla parateatral sobre a construción e desconstrución dos xéneros e por outra, o concerto punk-folck de Os Díldos con letras inspiradas no Manifesto Scum de Valerie Solanas. O grupo Experimentadanza ofrecerá o seu espectáculo ‘A cita’ e Maribolheras Precárias ofrecerá Maribingo, unha recuperación dos tradicionais bingos nos que as mulleres de xerazóns anteriores atopaban un lugar onde reunirse e falar das súas cousas superando o ámbito doméstico e equiparándose ás actividades de tipo social dos homes.

As xornadas son gratuítas, de acceso libre e realizaranse na Casa Museo Emilia Pardo Bazán (rúa Tabernas, 11) todos os xoves e venres do mes de setembro.


12.8.09

Preto de 150 familias utilizaron o servizo municipal de atención á infancia desde a súa posta en funcionamento


A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, expresou o alto grao de satisfacción das familias coruñesas co novo servizo municipal de atención á infancia a domicilio, que xa ten rexistradas as solicitudes de 54 familias para contar coa colaboración de caguros para o coidado dos seus fillos, e coa creación dos espazos de atención á infancia nos Rosales, Monte Alto e Castrillón, onde se atenderon os fillos de 142 familias.

Os espazos de atención á infancia están habilitados no centro de formación dos Rosales e nos centros cívicos de Monte Alto e Castrillón. Trátase dun servizo que permite realizar actividades lúdico-educativas a grupos de menores de idades comprendidas entre os catro e doce anos. Este servizo foi demandado por 142 familias e atendeu a un total de 189 menores. As motivacións das familias para recorrer a este servizo foi fundamentalemente a conciliación laboral e familiar.

Doutra banda, o servizo de atención á infancia a domicilio, coñecido como servizo de canguros, dá resposta no domicilio a necesidades de carácter extraordinario: coidados e atencións lúdico-educativas a menores de idades comprendidas entre os catro meses e os doce anos. Neste caso, son 54 as familias que solicitaron este servizo e 29 os nenos e nenas atendidas. As motivacións para acudir a este servizo son o traballo e enfermidade.

A concelleira destacou a especialización dos servizos, que describiu como de alta calidade. Tamén expresou a importancia de garantir estes servizos de conciliación e a importancia de adaptalos ás necesidades dos usuarios.

Para darse de alta neste servizo é necesario cubrir un formulario de alta que se pode recoller no Rexistro Xeral do Concello e no Centro de Información ás Mulleres, ou descargalo na web www.igualdadecoruna.blogspot.com.

Margarida Vázquez destacou a importancia de rexistrarse coa máxima antelación posible, aínda antes de precisalo realmente, para así facilitar o seu uso no momento en que se necesite.