20.12.10

Pinópolis, a cidade das nenas e dos nenos, en Expocoruña ata o 9 de xaneiro


Pinópolis, que se poderá visitar en ExpoCoruña, é unha cidade de e para os rapaces. Eles serán os principais protagonistas desta vila feita á súa medida onde xogarán a ser maiores. Pretende ser un reflexo da propia cidade de Coruña, un espacio onde se transmitan os valores da vila e os nenos teñan a oportunidade de relacionarse con empresas e institucións coas que conviven no día a día. Así, por medio de diversas actividades lúdicas e obradoiros didácticos, os “cidadáns” de Pinópolis aprenderán valores como solidariedade, respecto, civismo, deportividade, traballo en equipo…


As actividades propostas están deseñadas por franxas de idade, desde os máis cativos ata os 14 anos, e contarán con monitores especializados. Pinópolis abrirá as súas portas ao público o sábado 18 para estar na cidade ata o 9 de xaneiro, aínda que tres días antes estará aberto para centros escolares. Terá un custo de 8 € para nenos menores de 14 anos e de 6€ para maiores. Horario: de luns a vernes de 16:00 a 21:00 e sábados e domingos de 12:00 a 21:00.

Podedes acceder á taquilla AQUÍ.





9.12.10

A artista catalana Belén Cossío explícanos o proceso de creación do "Bosque de desexos e palabras"

A artista catalana Belén Cossío explícanos o proceso de creación do "Bosque de desexos e palabras" no seu blog chamado La Factoría Plástica. Entrando alí poderedes ver as fotos e algúns dos vídeos realizados durante esta actividade. Para a semana que vén esperamos contar cos vídeos gravados nos Centros Cívicos e o propio 25 de novembro, coa participación de cidadáns e cidadás de toda Coruña.





3.12.10

Satisfacción polo grande éxito de participación e o impacto da campaña deste ano contra a violencia de xénero


OS ACTOS ORGANIZADOS POLA CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ REUNIRON A NUMEROSO PÚBLICO E FOI MOI CELEBRADA A TEMÁTICA DA IMAXE DA CAMPAÑA, BASEADA NOS ESTEREOTIPOS DOS CONTOS INFANTÍS

A campaña deseñada este ano con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero acadou un gran éxito de participación e tamén de impacto entre os cidadáns da Coruña, que puideron contemplar nos mupis luminosos instalados en numerosos puntos de todo o casco urbano, coa imaxe da campaña, baseada nos contos infantís que representan ao modelo estereotipado de “princesa”. Como explicaba a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, “desde a máis tenra infancia seguimos formando nenos e nenas cos mesmos clichés e os mesmos contos”, polo que a mensaxe que se quere dar é que “as mulleres non queremos príncipes que nos salven, nin queremos ser princesas, non queremos que nos mintan e queremos ser nos as donas do noso conto”.

O lema elixido, “que non che mintan princesa”, foi celebrado por numerosos colectivos e persoas que transmitiron o seu apoio á Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, e que responderon ás numerosas convocatorias realizadas no marco desta conmemoración. Desde o acto celebrado con motivo da proxección na Domus da imaxe da campaña até o acto central que tivo lugar no Obelisco, onde se instalou o chamado Bosque de Desexos e Palabras, no que numerosos coruñeses plasmaron os seus desexos contra a violencia de xénero.

Previamente, esas árbores foron viaxando por diferentes centros cívicos da cidade, onde os usuarios puideron expresar os seus desexos, unha das actividades de maior éxito de participación de cantas se celebraron recentemente nos centros cívicos, segundo aseguraban os responsables dalgúns deles.

Tamén están acadando un gran éxito de participación os obradoiros de prevención da violencia na mocidade, que aínda se están desenvolvendo en diversos centros educativos da cidade, así como a posta en escea da obra “Sen pecado concebida”, da compañía Mariclown e a gala “Elas falan”, un espectáculo poético-musical do grupo Ouriol co que culminaron estes actos.

1.12.10

Obradoiro familiar "A que xogamos?" este sábado 4 de decembro na ludoteca de Novomesoiro

De 11:00 a 12:00 para nenos e nenas e de 12:00 a 13:00 xunto aos pais e nais. Coordina e imparte María Luísa Abad, orientadora do I.E.S. Menéndez Pidal da Coruña. Consulta no Centro Cívico ou no CIM, no 981 184 356.

25.11.10

O espectáculo poético-musical “Elas falan” pechará os actos organizados este ano con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero


• REPRESENTARASE MAÑÁ VENRES ÁS 20.30 HORAS NO TEATRO ROSALÍA DE CASTRO CON ENTRADA LIBRE ATÉ COMPLETAR O AFORO

• REPRESENTARANSE POEMAS DE DIVERSAS AUTORAS RECITADOS E ACOMPAÑADOS DE MÚSICA, NUNHA MONTAXE DO GRUPO ORIOL

O Teatro Rosalía de Castro acollerá mañá venres, 26 de novembro, ás 20.30 horas o espectáculo poético-musical titulado “Elas falan”, a cargo do Grupo Oriol. Con esta gaña clausúranse os actos organizados pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Neste espectáculo, de entrada libre até completar o aforo, interpretaranse con voz e música poemas de escritoras elixidas polo grupo Oriol para facer valer a voz de todas as mulleres. A través dos seus poemas –estarrecedores, lúcidos , valentes, fermosísimos- revélannos algo que, máis aló das circunstancias históricas e biográficas nas que se producen, atinxen aos homes e ás mulleres de toda época e condición. Da súa interpretación encargarase o grupo Oriol, composto por Eva Veiga (interpretación e selección dos poemas), Fito Ares (frauta traveseira) e Bernardo Martínez (clarinete e percusións).

As autoras dos poemas seleccionados son:

Anna Ajmátova (Rusia, 1889-1966). Tradución ao galego de Penélope Pedreira, Pilar Pallarés.
Marina Tsveitáieva ( Rusia,1892-1941). Trad. de Pilar Pallarés.
Sylvia Plath (Boston, 1932-Londres, 1963). Trad. de Xoán Abeleira
Alejandra Pizarnik (Bos Aires, 1936-1972). Trad. de Dores Tembrás
Nazik Al Malaika (Bagdad 1923-El Cairo 2007). Trad. De Teresa Seara
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004).
Clarice Lispector (Ucrania 1920- Río de Xaneiro, 1977)
Pilar Pallarés (Culleredo -A Coruña, 1957).
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922)
Wislava Szymborska (Polonia, 1923). Trad. de Pilar Pallarés.

O equipo técnico do grupo Oriol é o seguinte:

Produción e presentación: Comba Campoy
Creación artística: Alfonso Costa
Vestiario: Charoa
Asesoramento atístico: Carlos Neira
Iluminación: Octavio Mas
Son: Andrés Teijeiro

Campaña

A campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero está baseada nos contos infantís, representando ao modelo estereotipado de “princesa”. O lema “que non che mintan princesa” acompañando a esta imaxe constitúe o chamado de conciencia sobre os roles difundidos desde o xénero do relato infantil e despois perpetuados por todo tipo de produtos e situación asociados á formación da persoa. “Hai un conto que queremos rachar”, sinala a concelleira de Igualdade a Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xa que “estamos falando dunha princesa á que non lle van seguir mentindo”.

Acto central no Obeslico do Día Internacional contra a Violencia de Xénero


A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, intervirá hoxe xoves, 25 de novembro, no acto institucional do Concello da Coruña con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O acto celebrarase ás 12.00 horas no Obelisco, onde permanecerá instalado durante todo o día o chamado Bosque de Desexos e Palabras contra a violencia de xénero.

Trátase dunha recreación de dez árbores, realizadas en materiais reciclables, coas súas correspondentes follas, nas que os cidadáns e as cidadás poderán escribir os seus desexos contra a violencia de xénero transformados en palabras. Durante os últimos días algunhas desas árbores “viaxaron” polos centros cívicos da cidade, nunha iniciativa que acadou un gran éxito de participación por parte dos usuarios e as usuarias habituais e das persoas que se achegaron a estes centros para deixar constancia dos seus desexos na loita contra a violencia de xénero.

A continuación, a xornalista e delegada da Coruña da Radio Galega, Chus Castro, lerá un texto conmemorativo desta data internacionalmente adicada ao combate contra a violencia de xénero.

Lugar: Obelisco

Data e hora: Xoves, 25 de novembro de 2010 ás 12.00 horas

A Coruña, 25 de novembro de 2010


FOTO DO ACTO:



23.11.10

A Domus tínguese de rosa para conmemorar a loita contra a violencia de xénero


AUDIO DE ISABEL MARTÍNEZ-RISCO: A CINZENTA REVISADA (aparece unha publi antes, pero logo escóitase a intervención completa)



AUDIO DE MARGARIDA VÁZQUEZ



•HOXE INAUGUROUSE A PROXECCIÓN DA FACHADA DO EMBLEMÁTICO EDIFICIO DA IMAXE DA CAMPAÑA DESEÑADA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

•O DESEÑO ESTÁ BASEADO NOS MODELOS ESTEREOTIPADOS DE MULLER NOS CONTOS INFANTÍS, E BAIXO O LEMA “QUE NON CHE MINTAN PRINCESA”

A terraza da Domus foi escenario hoxe do acto de inauguración da proxección da imaxe da campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As proxeccións, que tinguiron de rosa a fachada do emblemático edificio, repetiranse todas as noites até o 26 de novembro, convertendo a Casa da Humanidade, mal chamada Casa do Home, nunha plataforma para amosar á cidadanía coruñesa unha mensaxe de concienciación na cultura da igualdade.

O acto foi presentado por Isabel Martínez Risco, que destacou que esta campaña baseada na imaxe estereotipada da muller nos contos infantís, é “de absoluto impacto e innovadora”. Tras narrar unha versión libre, igualitaria, orixinal e moi divertida do conto “A Cincenta”, no que todas as personaxes rematan sendo moi felices e comendo un bo lacón con grelos, foi a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, a encargada de inaugurar estas proxeccións, tras lembrar que a lacra da violencia de xénero xa deixou no que vai de ano 62 vítimas mortais. Neste senso, a concelleira sinalou que a violencia de xénero non rematará até que exista unha sociedade igualitaria.

Con respecto á campaña, indicou que se elixiu o tema dos contos infantís, baixo o lema “Que non che mintan, princesa”, porque “desde a máis tenra infancia seguimos formando nenos e nenas cos mesmos clichés e os mesmos contos”, para concluír que a mensaxe que se quere dar é que “as mulleres non queremos príncipes que nos salven, nin queremos ser princesas, non queremos que nos mintan e queremos ser nos as donas do noso conto”.


Tras as palabras de Margarida Vázquez, que lembrou que este acto tamén serve para reivindicar que cada vez que lembremos a Domus falemos de humanidade, con homes e mulleres, iniciouse a proxección con música e danzas con sombras chinescas da compañía Entrecaixas. Ademais de proxectar a imaxe da campaña, na fachada da Domus podíanse lerse frases como “cariño, non sei que pasou non volverá suceder”, “se te portaras ben isto non ocorrería” ou “era un pai e un marido exemplar” que, desgraciadamente, se escoitan en moitos fogares ou se din cando ocorre unha traxedia provocada por estes actos criminais.

A DOMUS iluminarase coa imaxe da campaña polo 25 de novembro


A partir das 19:30 de hoxe, e ata as 2:00 horas do sábado 27, a imaxe de campaña da nosa concellaría pola conmemoración do 25 de novembro será proxectada sobre a fachada da DOMUS, coñecida popularmente como "Casa do home".

Efectivamente, desde hoxe ata as primeiras horas do sábado, poderá contemplarse esta imaxe, acompañada de frases extraídas dos diferentes medios de comunicación á hora de relatar episodios de violencia de xénero, en horario de 19:00 a 00:00 horas, salvo o venres 26, onde se prolongará ata as 2:00 horas do sábado, e de hoxe, onde o acto inaugural, a cargo do grupo de danza Entrecaixas, será ás 19:30.


Esta imauguración contará coa presenza de Margarida Vázquez, en calidade de Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, e de Isabel Martínez-Risco como presentadora, unha muller que xa colaborara con esta Concellaría dentro da exposición "Cambio de roles".


22.11.10

O Instituto da Muller elixe A Coruña para pór en marcha un proxecto pioneiro en conciliacion da vida laboral e familiar


O ALCALDE PRESENTA A POSTA EN MARCHA DO PROXECTO EQUILIBRIA XUNTO Á DIRECTORA DO INSTITUTO DA MULLER, LAURA SEARA, E A CONCELLEIRA DE IGUALDADE, MARGARIDA VÁZQUEZ

SEARA SUBLIÑA QUE A ELECCIÓN DA CORUÑA DÉBESE A QUE A CIDADE É UN REFERENTE EN POLÍTICAS DE IGUALDADE E CONCILIACIÓN

A Coruña foi un do dez concellos seleccionados para participar no Proxecto ?Equilibrio entre a vida persoal, familiar e profesional en España e Noruega?, que foi presentado hoxe polo alcalde, Javier Losada, a directora do Instituto da Muller, Laura Seara e a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Margarida Vázquez.

O alcalde subliñou a súa satisfacción porla elección da nosa cidade, que sempre estivo en vanguardia en políticas de conciliación e igualdade. ?Temos programas xa veteranos como Luditardes, Madrugadores ou os comedores escolares para fomentar a igualdade ou a conciliación, e seguimos avanzando con outros programas como o de canguros, que atendeu xa a 1.800 familiaso?, subliñou Javier Losada, quen ligou directamente o traballo a favor da conciliación coas políticas activas de emprego, nas que o Concello inviste cinco millóns de euros, e nas que se fai especial fincapé na incorporación da muller ao mercado de traballo.

Pola súa banda, a directora do Instituto da Muller coincidiu co alcalde na longa traxectoria da Coruña en políticas municipais para a igualdade e a conciliación e destacou que a súa elección para este proxecto ?reforzará a súa posición no mapa de de os Concellos máis implicados no traballo a favor da igualdade en España.

A concelleira de Igualdade, Margarida Vázquez, agradeceu ao Instituto da Muller que se comprometa en programas deste tipo e detallou os pormenores do proxecto Equilibria, que se vai a pór tamén en marcha en Xaén, Alcalá de Henares (Madrid); Valls (Tarragona); Aranda de Douro (Burgos); Barbate (Cádiz); Icod de los Vinos (Tenerife), Eivissa e Vilagarcía de Arousa.

Datos do Proxecto

O proxecto Equilibria está financiado por Islandia, Liechtenstein e Noruega a través do Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEE) e o Instituto da Muller. Trátase dun proxecto liderado polo Instituto da Muller en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Asociación Norueguesa de Entidades Locais e Rexionais.

Como se van a realizar estes Plans de Conciliación en cada municipio?

A consecución dos fins operativos programados contará cun equipo de traballo que, en función dunha metodoloxía creada ad hoc no marco do Proxecto, encargarase de asesorar e acompañar tecnicamente ás Entidades Locais. Os labores a realizar, en estreita colaboración co persoal técnico do Concello da Coruña, consistirán no diagnóstico, a detección de fortalezas e áreas de mellora dos recursos do territorio que favorecen a conciliación e a corresponsabilidade da cidadanía e, tamén, a priorización de medidas a pór en marcha a curto, medio e longo prazo. O resultado do asesoramento será o Plan de Conciliación Municipal que, avalado polo compromiso do Consistorio da Coruña, terá a posibilidade de comezar e executar as primeiras accións programadas até febreiro de 2011.

En que áreas municipais terán efectos directos o Plan de Conciliación?

Cada Plan favorecerá a conciliación do tres ámbitos da vida (laboral, persoal e familiar) incidindo en dous niveis da intervención local, un cara á cidadanía e outro cara aos seus propios traballadores e traballadoras. É dicir, por unha banda, no nivel interno ou da xestión dos recursos humanos que traballan no Concello e por outro, no nivel externo ou das políticas municipais dirixidas a mellorar a armonización dos tempos de vida da cidadanía (medidas para a flexibilización dos tempos da cidade e do traballo, servizos de lecer e de atención a menores e persoas dependentes xunto a campañas para o cambio de crenzas e comportamentos cara á corresponsabilidade da sociedade).

Cales son os resultados que conseguirá o Concello da Coruña coa súa participación no Proxecto?

? Un estudo-diagnóstico sobre a situación de partida, os recursos dispoñibles e/ou potenciais favorecedores da conciliación, así como as necesidades e demandas cidadás deste municipio en materia de conciliación da vida persoal, familiar e profesional.

? A aprobación dun Plan de conciliación axustado ás necesidades concretas da nosa localidade.

? A posta en marcha das primeiras actuacións contempladas no Plan de Conciliación.

? A visibilización do Concello cara ao exterior como unha organización comprometida coa armonización dos tempos da cidadanía e como exemplo para outros Concellos interesados en incorporar estratexias viables á súa política de actuación para promover a armonización do tres espazos de vida.

21.11.10

Comezan os obradoiros de prevención nos centros educativos no marco da Campaña contra a Violencia de Xénero


• NO MARCO DOS ACTOS DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, A CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ DESEÑOU UNHAS ACCIÓNS EDUCATIVAS DIRIXIDAS A ALUMNOS DE PRIMARIA E SECUNDARIA

• AS ACCIÓNS INCLÚEN DESDE SESIÓNS DE CONTACONTOS ATA INTERVENCIÓNS PARA DESMITIFICAR OS TÓPICOS E PREVIR SITUACIÓNS DE VIOLENCIA DURANTE NAS RELACIÓNS DA MOCIDADE

• AS ACTIVIDADES INICIARANSE MAÑÁ NO CEIP CONCEPCIÓN ARENAL COA ACCIÓN DENOMINADA “CONTAMOS X=”

Durante a próxima semana celebrarase nos centros educativos da cidade os Obradoiros de Prevención da Violencia na Mocidade, no marco dos actos programados con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizados pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá.

Estas campañas educativas en igualdade de xénero celébranse en diversos centros de ensino da Coruña, onde se desenvolverán dous tipos de intervención. A primeira delas chámase Contamos X= (contamos por igual), e está deseñada para os alumnos de Primaria. Ademais do propio espectáculo do contacontos, as historias que se narran nesta actividade permitirán un traballo posterior onde se analizará o que hai de oculto, as implicacións do día a día… A través de actividades lúdicas complementarase a proposta para que as nenas e os nenos poidan descubrir novos patróns de conduta máis igualitarios. O primeiro grupo en participar neste obradoiro será o do CEIP Concepción Arenal, que repartido en diferentes cursos poderá asistir a estas actividades entre os días 22 e 23 de novembro.

Xa o día 24 esta actividade trasladarase ao CEIP Víctor López Seoane, onde se desenvolverá tamén noutra sesión o día 26. No CEIP Anxo da Guarda está previsto celebrar o obradoiro o día 29 de novembro, e o día 30 no CEIP Fernández Latorre. Xa no mes de decembro, o día 1 repetirase sesión no Fernández Latorre , e os días 4 e 5 levarase o obradoiro ao CEIP María Pita.

A outra actividade deseñada con motivo da campaña conmemorativa do 25 de novembro leva por título Nin príncipes, nin laranxas, e está destinada a alumnos e alumnas de ESO. O obxectivo desta intervención é desmontar os mitos e tópicos do denominado “amor romántico”, así como previr as situacións de violencia, en todas as súas formas, durante as relacións de noivado da mocidade. Asemade, procurarase xerar unha reflexión crítica sobre as diferentes discriminacións que as mulleres sofren no día a día, recorrendo para iso á presentación e análise de diferentes estudos estatísticos. Do mesmo xeito é fundamental desmitificar a idea de que a violencia exercida cara as mulleres nas relacións de parella está asociada a unhas determinadas condicións sociais e culturais.

Estas actividades desenvolveranse o día 23 no IES Menéndez Pidal e no IES Urbano Lugrís, onde se repetirán o día 24. O día 26 levaralse ao IES Salvador de Madariaga e o día 30 ao IES Paseo das Pontes.

Ademais, celebrarase outro obradoiro similar, para alumnos de ESO, denominado Somos dous, eu tamén conto, que se desenvolverá no IES Agra do Orzán (23 e 24 de novembro), no IES Paseo das Pontes (30 de novembro) e nos IES Menéndez Pidal e Urbano Lugrís ao longo do mes de decembro.

Campaña

A campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero está baseada nos contos infantís, representando ao modelo estereotipado de “princesa”.

O lema “que non che mintan princesa” acompañando a esta imaxe constitúe o chamado de conciencia sobre os roles difundidos desde o xénero do relato infantil e despois perpetuados por todo tipo de produtos e situación asociados á formación da persoa. “Hai un conto que queremos rachar”, sinala a concelleira de Igualdade a Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xa que “estamos falando dunha princesa á que non lle van seguir mentindo”.

12.11.10

ACTOS E CAMPAÑA DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



A CAMPAÑA

Ao longo do transcurso deste ano 2010 son xa 60 as mulleres que perderon a vida vítimas do maior crime co que convivimos diariamente, como é o da violencia de xénero, a violencia exercida contra as mulleres por seren mulleres.

Estas accións criminais están, hoxe por hoxe, ben lonxe da súa desaparición. Desgrazadamente, nos próximos días, semanas, meses e seguramente anos continuaremos asistindo a este continuo goteo que en non poucas ocasións remata definitiva e traxicamente coa vida das mulleres. Neste ano, ademais, resalta o dato de que a mínima parte destas mulleres tiveran realizado denuncia, polo que non foi posible poñer todos os recursos dispoñibles desde a administración para protexer as súas vidas, como indica a moción aprobada polo Concello da Coruña o pasado 2 de novembro.

Na Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá consideramos, como xa expuxéramos no proxecto expositivo “DESENFOCADAS” , que a educación sentimental de nenas, adolescentes e mulleres promove uns roles e estereotipos en canto á relación de parella e a posición que a muller debe adoptar nela que favorece unha relación de sumisión que en ocasións conduce aos diferentes episodios de violencia de xénero que estas mulleres padecen ou padecerán. A educación, a formal, a que se recibe nos Centros educativos, é para nós unha das chaves do presente polas que procurar un mellor futuro. Un futuro de xustiza é un futuro igualitario onde o fenómeno da violencia de xénero non ten en absoluto cabida.

A imaxe e lema escollida nesta campaña parte da estética do relato infantil e do modelo “princesa” de conformación da personalidade feminina. “Que non che mintan, princesa” pretende facer un chamado de conciencia sobre os roles e estereotipos difundidos desdes o propio mundo do relato infantil e despois perpetuados desde todo tipo de produtos e situacións asociados á formación da persoa. Non se trata de poñer en tea de xuízo a existencia e disfrute destes relatos, pero si a necesaria reflexión sobre o que eses mesmos relatos nos transmiten, nomeadamente a aquelas persoas que viven o seu período de maduración.

Esta imaxe poderase ver repartida por practicamente toda a cidade através de perto de 60 mupis luminosos, como 60 son as vítimas deste ano, así como será proxectada entre os días 23 e 26 de novembro sobre o edificio da DOMUS, traducida popularmente como Casa do Home, entre o atardecer e as 12:00 horas da noite. O propio 23 realizarase un eventoinaugural a cargo do grupo de danza Entracaixas ás 19:00 horas. Así mesmo, dúas pasarelas en sentido entrada da cidade sobre Alfonso Molina incluirán tamén esta imaxe e este lema.

O ACTO CENTRAL

O acto central o propio 25 de novembro consistirá na instalación no Obelisco, en horario de mañá e tarde, dun “Bosque de desexos e palabras” contra a violencia de xénero. Trátase da recreación de dez árbores, realizados en materiais reciclables, coas súas correspondentes follas onde as/os cidadáns poderán escribir os seus desexos contra a violencia de xénero transformados en palabras. Esta instalación foi deseñada polas artistas Rebeca Ponte e Belén Cossío.

Para estimular o máximo de participación cidadá algunhas destas árbores percorreran os diferentes Centros Cívicos da cidade de cara a que desde estes Centros se estimule a participación de persoas que, doutra forma, non poderían formar parte da actividade se desenvolverá o propio 25 de novembro. Ese mesmo día, ás 12:00 horas da mañá, terá lugar o acto institucional do Concello da Coruña dentro da propia instalación, incluíndo a leitura dun manifesto.


DÍA CENTRO

17    C. C. e V. Pescadores
18    C.C. Monte Alto
        C.C. San Diego
19    C.C. Castrillón
22    C.C. Elviña
        C.C. Rosales
23    C.C. Labañou
        C.C. Palavea
24    C.C. Mallos
        C.C. Monelos

SEN PECADO CONCEBIDA

Este domingo 14 de novembro, a partir das 19:00 horas, terá lugar no Centro Cívico e Social de Mesoiro, coñecido tamén como Centro Cívico de Novomesoiro, a representación teatral "Sen pecado concebida", da compañía Mariclown. Esta obra dá comezo ás actividades que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá desenvolverá arredor da conmemoración do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. O día 24 de novembro representarase no Centro Vívico de Labañou. Nas dúas ocasións esta obra comezará ás 19:00 horas. Esta obra fora estreada o 27 de marzo 2010 no Teatro Jofre de Ferrol, coincidindo co galo do Día Internacional do Teatro.

ARGUMENTO:

Esta traxicomedia comenza no funeral pola morte de Don Paco Mª da Pena, ilustre entre os ilustres, infiel esposo e un bon pai. Petarda alba, muller anacrónica, nai castrante e viuva polo estado civil, recrudece a relación coas súas fillas, Conchita e Purita. Terán que gardar loito por maís de oito anos........
A entrada é libre ata completar aforo.


DÍA   HORA   CENTRO

14      19:00       C.C.e S. Mesoiro

24      19:00       C.C. Labañou



OBRADOIROS DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA MOCIDADE

CONTAMOS X = Contamos por igual ( 5º e 6º de Primaria)

“Contamos X =” é unha intervención de carácter educativo que se enmarca dentro da campaña conmemorativa do vindeiro 25 de novembro, “Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero”. Dita intervención realizarase nos centros educativos de ensino primario que a soliciten.

Ademais do propio espectáculo do “contacontos”, as historias que se conten permitirán un traballo posterior onde se analizará “o que pasou” nos contos, o que hai oculto, as implicacións no día a día, … A través de actividades lúdicas complementarase a proposta para que as nenas e os nenos poidan descubrir novos patróns de conduta máis igualitarios.


NIN PRÍNCIPES, NIN LARANXAS (4º da ESO)

A intervención “Nin príncipes, nin laranxas” forma parte do conxunto de actuacións enmarcadas dentro da campaña que o Concello da Coruña ,a través da Concellaría de Igualdade e Participación cidadá, realizará con motivo do vindeiro 25 de novembro “día internacional para a eliminación da Violencia de Xénero”.

O obxectivo xeral da intervención é desmontar os mitos e tópicos do denominado “amor romántico”, así como previr as situacións de violencia ,en todas as súas formas, durante as relación de noivado na mocidade.

Asemade, procuraremos xenerar unha reflexión crítica, sobre as diferentes discriminacións que as mulleres sofren no día a día, recorrendo para iso á presentación e análise de diferentes estudos estatísticos. Do mesmo xeito é fundamental desmitificar a idea de que a violencia exercida cara as mulleres nas relacións de parella, está asociada a unhas determinadas condicións sociais e culturais.

GALA “ELAS FALAN”

Espectáculo poético-musical do GRUPO OURIOL

TEATRO ROSALÍA DE CASTRO, VENRES 26 DE NOVEMBRO, 20:30 HORAS

“Elas fan valer a voz de todas as mulleres. A través dos seus poemas –estarrecedores, lúcidos , valentes, fermosísimos- revélannos algo que, máis aló das circunstancias históricas e biográficas nas que se producen, atinxen aos homes e ás mulleres de toda época e condición. Porque a poesía é coñecemento ou como escribiu Luísa Villalta: Isto é poesía. Un ruído provocado. [...] Un tambor que desperta. [...] Isto é tamén unha muller que resiste.

ELAS SON:

Anna Ajmátova (Rusia, 1889-1966). Tradución ao galego de Penélope Pedreira, Pilar Pallarés.
Marina Tsveitáieva ( Rusia,1892-1941). Trad. de Pilar Pallarés.
Sylvia Plath (Boston, 1932-Londres, 1963). Trad. de Xoán Abeleira
Alejandra Pizarnik (Bos Aires, 1936-1972). Trad. de Dores Tembrás
Nazik Al Malaika (Bagdad 1923-El Cairo 2007). Trad. De Teresa Seara
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004).
Clarice Lispector (Ucrania 1920- Río de Xaneiro, 1977)
Pilar Pallarés (Culleredo -A Coruña, 1957).
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922)
Wislava Szymborska (Polonia, 1923). Trad. de Pilar Pallarés.

OURIOL SON
EVA VEIGA, interpretación e selección dos poemas
FITO ARES, flauta traveseira
BERNARDO MARTÍNEZ, clarinete e percusións
Produción e presentación: Comba Campoy
Creación artística: Alfonso Costa
Vestiario: Charoa
Asesoramento atístico: Carlos Neira
Iluminación: Octavio Mas
Son: Andrés Teijeiro
Duración: 70 minutos

Entrada libre ata completar aforo.