28.7.10

Actividades do programa ADA e folla de inscrición

Deixámosvos aquí cumprida información sobre os cursos que están prontos a comezar dentro das actividades do noso Programa ADA.

Para contactar directamente co programa, entrade no espazo web de ADA.





19.7.10

A concellaría de Igualdade lamenta a morte da muller que o pasado venres se precipitou pola fiestra da súa casa na que estaba retida pola súa parella


DESDE A CONCELLARÍA FAN UN CHAMAMENTO A IMPLICACIÓN DA SOCIEDADE PARA ACABAR CON ESTE TERRIBLE PROBLEMA SOCIAL

A Coruña, 19 de xullo de 2010- A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, quere amosaro o seu pesar polo falecemento da muller que o pasado venres se precipitou pola fiestra da súa vivenda na rúa Barcelona na que estaba retida polo seu compañeiro sentimental.

Margarida Vázquez destaca unha vez máis a importancia de que toda a sociedade se implique na loita contra este problema social denunciando os casos de posibles malos tratos dos que poidan ter sospeitas o fin de evitar este tipo de situacións e as tráxicas consecuencias que quedan reflectivas nos casos de falecemento de dúas mulleres nun breve espazo de tempo na nosa cidade.

A Concellaría de Igualdade continuará o seu labor para acabar coa violencia de xénero a todos os niveis ofrecendo non só apoio e asesoramento as mulleres senón ademáis apostando pola concienciación social e a educación en valores desde a infancia.


13.7.10

San Andrés 1.0 conxugará historia, arte e comercio para revitalizar esta arteria coruñesa


O próximo venres 16 de xullo, a partir das 11:30 na confluencia das rúas de San Andrés e Santa Catalina, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e maila Asociación Comercial Zona Obelisco presentarán ante a prensa e o público en xeral a EXPO URBANA: San Andrés 1.0. A motivación destas seis intervencións artísticas dispostas ao longo de boa parte desta arteria comercial coruñesa en cinco baixos comerciais e un gran mural é aunar esforzos e disciplinas para, mediante un proceso participativo, reflexionar sobre a historia de San Andrés, o seu tradicional potencial comercial e a súa desmerecida situación actual a partir dunhas intervencións realizadas por diferentes artistas locais, algúns verdadeiramente mozos e mozas -alumnado procedente da Escola de Arte Pablo Picasso- de cara á súa revitalización urbana externa e "interna" ou espiritual, se se prefire.

Cómpre resaltar a colaboración de fotógrafos como Alberto Martí e Pepucho Castro así como a implicación do Arquivo Municipal da Coruña e o Centro de Emprego e Formación.

A intención dos organizadores é que estas actividades estean expostas ao longo de todo o verán de cara a aproveitar tamén a numerosa presenza de turistas polas nosas rúas, máis aínda se temos en conta a celebración do Xacobeo 2010.

Os próximos días iremos adiantándovos unha parte destes intervencións co ánimo de que vos aproximedes a partir deste venres a esta rúa coruñesa que forma parte do pasado, do presente e do futuro, sen dúbida, de todas e todos nós.

1.7.10

Avanza a implantación do Plan de Programación do Tempo da cidade da Coruña



O 30 de xuño celebrouse unha nova xuntanza da Mesa de Concertación na Fundación Paideia para traballar na análise das medidas propostas polo Concello da Coruña, incluídas dentro do Plan de programación do tempo da cidade da Coruña.

Esta nova convocatoria supón un gran avance deste proceso, que comenzou no ano pasado coa realización de varias Mesas de concertación sectorias e a elaboración e publicación da “Diagnose aplicada sobre os usos do tempo na cidade da Coruña”.

Esta última mesa, organizada tamén pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, contou coa asistencia de numerosas persoas de entidades e sectores representativos da cidadanía: administración, universidade, asociacións veciñais, representantes do empresariado e o sector comercial, colexios, e entidades culturais, deportivas e sociais da cidade.

O debate acerca das medidas de actuación foi moi dinámico e participativo, contando coas aportacións da meirande parte das persoas asistentes que achegaron opinións e suxestións moi válidas e útiles para a definición última e implementación do Plan de Programación do tempo.

A finalidade última da convocatoria desta xuntanza é obter unha priorización das medidas propostas e, con este obxectivo, entregouse ás persoas asistentes un cuestionario de valoración que deberán achegar nas próximas semanas.

Á espera da información obtida a través desta ferramenta, podemos adiantar que as actuacións priorizadas encádranse nos ámbitos da flexibilización dos horarios laborais e a oferta de servizos e recursos que dean resposta ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar.