20.12.10

Pinópolis, a cidade das nenas e dos nenos, en Expocoruña ata o 9 de xaneiro


Pinópolis, que se poderá visitar en ExpoCoruña, é unha cidade de e para os rapaces. Eles serán os principais protagonistas desta vila feita á súa medida onde xogarán a ser maiores. Pretende ser un reflexo da propia cidade de Coruña, un espacio onde se transmitan os valores da vila e os nenos teñan a oportunidade de relacionarse con empresas e institucións coas que conviven no día a día. Así, por medio de diversas actividades lúdicas e obradoiros didácticos, os “cidadáns” de Pinópolis aprenderán valores como solidariedade, respecto, civismo, deportividade, traballo en equipo…


As actividades propostas están deseñadas por franxas de idade, desde os máis cativos ata os 14 anos, e contarán con monitores especializados. Pinópolis abrirá as súas portas ao público o sábado 18 para estar na cidade ata o 9 de xaneiro, aínda que tres días antes estará aberto para centros escolares. Terá un custo de 8 € para nenos menores de 14 anos e de 6€ para maiores. Horario: de luns a vernes de 16:00 a 21:00 e sábados e domingos de 12:00 a 21:00.

Podedes acceder á taquilla AQUÍ.





9.12.10

A artista catalana Belén Cossío explícanos o proceso de creación do "Bosque de desexos e palabras"

A artista catalana Belén Cossío explícanos o proceso de creación do "Bosque de desexos e palabras" no seu blog chamado La Factoría Plástica. Entrando alí poderedes ver as fotos e algúns dos vídeos realizados durante esta actividade. Para a semana que vén esperamos contar cos vídeos gravados nos Centros Cívicos e o propio 25 de novembro, coa participación de cidadáns e cidadás de toda Coruña.





3.12.10

Satisfacción polo grande éxito de participación e o impacto da campaña deste ano contra a violencia de xénero


OS ACTOS ORGANIZADOS POLA CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ REUNIRON A NUMEROSO PÚBLICO E FOI MOI CELEBRADA A TEMÁTICA DA IMAXE DA CAMPAÑA, BASEADA NOS ESTEREOTIPOS DOS CONTOS INFANTÍS

A campaña deseñada este ano con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero acadou un gran éxito de participación e tamén de impacto entre os cidadáns da Coruña, que puideron contemplar nos mupis luminosos instalados en numerosos puntos de todo o casco urbano, coa imaxe da campaña, baseada nos contos infantís que representan ao modelo estereotipado de “princesa”. Como explicaba a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, “desde a máis tenra infancia seguimos formando nenos e nenas cos mesmos clichés e os mesmos contos”, polo que a mensaxe que se quere dar é que “as mulleres non queremos príncipes que nos salven, nin queremos ser princesas, non queremos que nos mintan e queremos ser nos as donas do noso conto”.

O lema elixido, “que non che mintan princesa”, foi celebrado por numerosos colectivos e persoas que transmitiron o seu apoio á Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, e que responderon ás numerosas convocatorias realizadas no marco desta conmemoración. Desde o acto celebrado con motivo da proxección na Domus da imaxe da campaña até o acto central que tivo lugar no Obelisco, onde se instalou o chamado Bosque de Desexos e Palabras, no que numerosos coruñeses plasmaron os seus desexos contra a violencia de xénero.

Previamente, esas árbores foron viaxando por diferentes centros cívicos da cidade, onde os usuarios puideron expresar os seus desexos, unha das actividades de maior éxito de participación de cantas se celebraron recentemente nos centros cívicos, segundo aseguraban os responsables dalgúns deles.

Tamén están acadando un gran éxito de participación os obradoiros de prevención da violencia na mocidade, que aínda se están desenvolvendo en diversos centros educativos da cidade, así como a posta en escea da obra “Sen pecado concebida”, da compañía Mariclown e a gala “Elas falan”, un espectáculo poético-musical do grupo Ouriol co que culminaron estes actos.

1.12.10

Obradoiro familiar "A que xogamos?" este sábado 4 de decembro na ludoteca de Novomesoiro

De 11:00 a 12:00 para nenos e nenas e de 12:00 a 13:00 xunto aos pais e nais. Coordina e imparte María Luísa Abad, orientadora do I.E.S. Menéndez Pidal da Coruña. Consulta no Centro Cívico ou no CIM, no 981 184 356.