26.1.10

Xornada contra a trata de mulleres


FOTO: CARLOS PARDELLAS (Opinión da Coruña)

Loita contra a explotación sexual

O colectivo "Proyecto Esperanza" reclamOU, durante unHa charla convocada polo Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, máis unidade legal na loita contra a explotación sexual. A súa asesora xurídica, Eva Sancha, solicitou maior coordinación das administracións contra as redes de trata de mulleres.


20.1.10

"A trata de mulleres para a explotación sexual: enfoque desde os dereitos humanos"


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá organiza esta xornada de formación especializada e sensibilización cidadá, que se desenvolverá mañá xoves 21, en horario de mañá e tarde.

Esta xornada consiste nun obradoiro de formación especializada, impartido por Eva Sancha -experta da área xurídica do Proxecto Esperanza-Madrid- de 11:30 a 14:30 no Centro de Información ás Mulleres, rúa Hortensias s/n (Barrio das Flores), para o que se recomenda inscrición previa no teléfono 981 184 356.

Este obradoiro vai dirixido, preferentemente, a perfís profesionais e organizacións de ámbito policial, xurídico, sanitario, social, educativo, medios de comunicación, etc...

Os contidos inclúen asuntos como a conceptualización, os avances e desafíos para unha abordaxe desde o enfoque dos dereitos humanos no marco xurídico actual, estratexias de identificación, protección e atención ás vítimas ou o xeito de artellar redes.

Xa pola tarde, no Salón de Actos da Fundación Paideia, nun acto dirixido á cidadanía interesada, realizarase un Vídeo-Forum titulado "Voces contra a trata", que inclúe a proxección do documental homónimo, dirixido por Mabel Lozano en colaboración co Proxecto Esperanza, seguido dunha charla-debate.

Este Vídeo-Forum comezará ás 19:00 horas e rematará contra as 21:00.

Como vos indicamos, será na Fundación Paideia, praza de María Pita, 17.

Recoméndase confirmar asistencia no teléfono antes indicado, ao dispor de prazas limitadas.

Unha xornada de sumo interese, sen dúbida.

Agardamos contar con vós.

19.1.10

Algunhas fotos da nosa visita ao Centro Cívico e Social de Mesoiro

Aquí vos deixamos un simple avance do que será o novo Centro Cívico e Social de Mesoiro. Un lugar pensado para compartir e que será, de certo, un orgullo para todas e todos os veciños da zona. En especial, os veciños de NOVOMESOIRO.

En próximos días avanzaremos novidades en canto programación do Centro, actividades da Ludoteca -integrada dentro do Servizo de Atención á Infancia do Concello da Coruña- e moitísimo máis.

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá está a facer unha recollida de propostas entre os veciños e veciñas de cara a formalizar unha programación ao gusto dos seus usuarios potenciais.


Vista da entrada principal ao Centro. A estética colorista e o impacto que produce a sobrealtura do módulo central, onde se ubica a recepción e o salón de actos, dan a benvida aos usuarios. Á esquerda, adivíñase parte da Ludoteca. Á dereita, a Sala de Lectura. As dúas, con luz natural garantida.


Lateral norte do edificio. A esta parte dan os aseos, os vestiarios, o almacén e, ao fondo -por onde se divisa a entrada- a Sala Dobre de Usos Múltiples e a Sala de Lectura.


Módulo exterior esquerdo, segundo se mira de frente, do edificio. É o lugar que ocupa a impresionante Ludoteca. Ésta conta con entrada desde o propio centro e exterior. Á súa vez, aseos adaptados e despacho para atender aos pais e nais destes pequenos usuarios.


Entrada independente e exterior da Ludoteca, que xa vos comentamos na foto anterior. Posibilita programar actividades exclusivas neste espazo, sen afectar ao conxunto do Centro. Tamén permite saír para desfrutar do Patio descuberto que actúa como Hall aberto...por se sae o sol.


Verxa exterior e módulo correspondente á Sala de Lectura.


Segundo entramos, o Salón de Actos recibe, magnífico, ao visitante. Faltan, evidentemente, as cadeiras. Tamén contará cun panel pregable que permitirá pechalo ou abrilo a convenencia.


Vista do Salón de Actos desde o escenario.


Chamaronnos moitísimo a atención estes elementos dos aseos masculinos. Con tapa e todo.....

Esta é a Sala Dobre de Usos Múltiples. Aínda que non se pode apreciar ben na foto, disporá dun panel corredeiro que pode dividir o espazo en dúas partes iguais ou abrilo totalmente, como está agora.


En fin, que estamos desexando comezar a traballar!!!!!! Nos próximos días, incluiremos máis fotos e novas relativas ao seu funcionamento.


7.1.10

Convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña

A Concellaria de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña informa da convocatoria de subvencións da Deputación Provincial da Coruña dirixidas a entidades e asociacións veciñais, co obxectivo de mellorar a xestión e organización de actividades das mesmas, así coma o seu equipamento.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 1 de febreiro, e poden optar ás axudas económicas ofertadas todas as asociacións e comunidades veciñais, tanto as legalmente constituídas coma as que non o estean, sempre que carezan de fins de lucro e realicen as actividades ou as obras na provincia da Coruña.
Trátase dunha boa oportunidade para a dinamización das entidades veciñais, o desenvolvemento de novas actividades e cursos, ou a mellora do seu equipamento.
Para máis información ao respecto, achegamos o enlace ao texto completo das bases da convocatoria.


5.1.10

A Coruña, á vangarda na conciliación dentro da Unión Europea


O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, foi eleito, xunto con outras nove cidades españolas, para participar na última fase do programa europeo “Equilibrio entre a vida persoal, familiar e profesional en España e Noruega, proxecto liderado no Estado polo Instituto da Muller, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Asociación Norueguesa de Autoridades Locais e Rexionais.

O principal propósito deste proxecto consiste en propoñer o despregue dunha estratexia de actuación dirixida a mellorar as políticas públicas locais para conseguir máis e mellores condicións para a conciliación nestes ámbitos de vida.

Debemos lembrar que o Concello da Coruña conta co programa “Concilia os teus tempos”, onde se inclúen medidas tan impostantes e valoradas polos cidadáns e cidadás como o Servizo de atención á infancia, a Programación do tempo da cidade da Coruña, de xeito semellante ás experiencias en cidades como Turín, Milán ou Barcelona, e o Banco de tempo da Coruña.

O obxectivo final desta fase na que se incorpora a cidade herculina é a elaboración dun Plan local de conciliación entre España e Noruega. En definitiva, trátase de incorporar A Coruña á vangarda da conciliación no territorio da Unión Europea, o que significa, de facto, situarse na vangarda en igualdade a nivel global.

Esta noticia recolleuse na Voz de Galicia de hoxe. Ler AQUÍ.