28.9.10

Información sobre os grupos de traballo do II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes do Concello da Coruña


Para realizar algunha aportación á elaboración deste Plan podedes facelo neste mesmo blog.

Con motivo da elaboración da diagnose para o futuro II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes, dende a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá estamos realizando grupos de traballo con diferentes axentes sociais da cidade da Coruña.

No mes de xullo realizamos un grupo co persoal da Rede Municipal de Escolas Infantís (REIM) e co persoal das bibliotecas que traballa co público infantil de 0 a 5 anos, no que se plasmaron propostas moi interesantes para o futuro Plan, nomeadamente no ámbito da educación.

No mes de agosto, a nivel interno, o persoal da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, tivo o gusto de poder contar coa experta internacional Natalia Navarro Oliván (colaboradora habitual da Consultora Sánchez-Albornoz, responsable do estudo de diagnose) que nos aclarou dúbidas e axudou a definir o enfoque que se lle quere dar ao novo Plan.

No mes de setembro seguimos a realizar diferentes grupos de traballo sectoriais, así, o martes 14 tivemos o grupo co sector económico, o xoves 16 o grupo coas asociacións de base e veciñanza, o martes 21 tocoulle a quenda ás asociacións culturais e deportivas, o xoves 23 convocamos ao sector educativo e o xoves 30 participarán os colectivos feministas e de mulleres da cidade.

Os grupos están tendo moi boa acollida, contando xa cunha participación dunhas 60 persoas, mediante as cales estamos a recoller distintas propostas, que poderán servir como medidas ou como puntos nos que incidir no futuro Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes do Concello da Coruña. Este traballo é especialmente importante porque a través del detectamos posibles necesidades e demandas da cidadanía, que están a dar conta das desigualdades que aínda hoxe existen entre mulleres e homes nos diferentes eidos da vida cotiá.

Pero para chegar a un coñecemento máis profundo de como se valora e traballa a temática de xénero, estamos a realizar tamén entrevistas co persoal técnico das distintas concellarías. Polo momento levamos entrevistado a unhas 40 persoas que nos están facendo achegas dende as diferentes áreas municipais (cultura, educación, urbanismo, medio ambiente, servizos sociais, mocidade, deportes, etc.).

O que pretendemos coa realización das entrevistas e dos grupos de traballo é implicar ao maior número de persoas neste estudo de diagnose, para que todas e todos esteades presentes nas políticas de igualdade que promove o Concello.

24.9.10

Actividades do Proxecto ADA para o mes de outubro


Bos días ADAS,

O proxecto ADA INTEGRA continua coas súas actividades. Durante os vindeiros meses temos previsto poñer en marcha 2 novas actuacións, nas que terán prioridade as mulleres migrantes que residan na nosa cidade:

- CAMINATAS EN-RED-ADAS: paseos para coñecer diferentes espazos da nosa cidade, para participar, relacionarnos, facer exercicio físico e crear redes de mulleres.

- OBRADOIRO DE INGLÉS: clases de inglés para familiarizarse co vocabulario, conversas, desenvolverte nas túas viaxes…

Ademais continuamos: cos CURSOS DE INFORMÁTICA, CLASES DE IOGA E...

- “CONTIGO, ME RÍO”. OBRADOIRO DE RISA: 20 e 27 de setembro e 4,11, 18 e 25 de outubro.

De 5 a 6 da tarde.

- ACCESO LIBRE Á AULA DE INFORMÁTICA: Quenda de mañá: de luns a venres de 9 a 11 horas.

Quenda de tarde: luns e mércores de 4,30 a 6,30 horas.


PODES VISITARNOS EN:  http://proxectoada.wordpress.com

Todas as actividades e os servizos son gratuítas, poderán contar (previo aviso) de servicio de canguraxe (previa isncrición) e se realizan no Centro Municipal da Muller, rúa Hortensias, s/n

Agradecemos de antemán a vosa colaboración na difusión desta información.

20.9.10

Dúas mulleres matemáticas protagonizan o inicio oficial do curso da Universidade da Coruña


Por primeira vez na historia desta institución, unha muller, Ana Tarrío Tobar (1963, Santiago de Compostela), profesora de Matemáticas e vicerreitora de Organización Académica da Universidade da Coruña, .foi a encargada de impartir a lección inaugural para o curso universitario 2010-2011 cunha conferencia sobre Xeometría Integral.

Ver o seu currículum

Ler o seu traballo sobre María Josefa Wonenburger Planells


Por outra banda, María Josefa Wonenburger Planells (Montrove-Oleiros, 1927-) foi investida Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña en recoñecemento a unha traxectoria vencellada ao mundo das matemáticas. De feito, formou parte da 1ª promoción de licenciados e licenciadas propiamente en Matemáticas cunha carreira de cinco anos, xa que ata daquela eran catro anos e denominábase "Ciencias Exactas". Foi a primeira muller española en gañar unha das bolsas concedidas polo Instituto de Educación Internacional dos EE UU. Especializada nas publicacións sobre Teoría de Grupos e Teoría de Álxebras de Lie, dirixiu a tese doutural de Robert Moody, que deu lugar á teoría coñecida como as Álxebras de Kac-Moody.

María Wonenburger e o seu "Grupo de Lie", Banff 2001 (Fotografía de Sylvia Thompson - Copyright © Robert V. Moody)

Para saber máis:

As mulleres nas matemáticas
Matilde Ríos Fachal
Baía Edicións. 2008

Presentación da Oficina Municipal do URBANA-C da Agra do Orzán


O pasado venres, 17 de setembro, presentouse ante a prensa, entidades integrantes do Grupo de Acción Urbana deste programa europeo e o asociacionismo presente no barrio, a oficina municipal que a Concellaría de Promoción Económica e a Concellaría de Igualdade e Participación puxeron en marcha de cara á organización de diferentes programas, proxectos e cursos dirixidos á potenciación do comercio e da actividade económica do barrio da Agra do Orzán.

No caso concreto da nosa Concellaría, desenvolveremos o Plan de emprego e participación das mulleres, que busca a incorporación das mulleres da Agra ao mercado laboral e a súa participación na vida social do barrio.



Aula de formación da Oficina Municipal do URBANA-C


A oficina está situada na Rúa Corcubión, 8. Moi perto do "corazón" do barrio que é a Praza das Conchiñas. O teléfono é o 981 924 831. Para coñecer de primeira man en que consiste o Plan de emprego e participación os días de atención son os luns, mércores e venres.

Entrar no Portal da Agra

Coincidindo con esta presentación, e en relación coas diferentes intervencións artísticas incluídas dentro do programa San Andrés 1.0, o contorno da oficina oferta unha serie de actuacións encamiñadas a visibilizar a súa ubicación e atraer aos cidadáns e cidadás, do barrio e da cidade no seu conxunto, cara á Agra do Orzán.

Noticia da Voz de Galicia

Noticia da Opinión da Coruña

Noticia  do Ideal Gallego

FOTOS DA INTERVENCIÓN ARTÍSTICA ARREDOR DA OFICINA MUNICIPAL DO URBANA-C DA AGRA DO ORZÁN






16.9.10

A Concellaría de Igualdade e Participación do Concello da Coruña quere amosar a súa repulsa ante o último caso de violencia machista ocorrido en Ponteceso e que acabou coa vida dunha muller



DESDE A NOSA CONCELLARÍA FACEMOS UN CHAMAMENTO Á IMPLICACIÓN DA SOCIEDADE PARA ACABAR CON ESTE TERRIBLE PROBLEMA SOCIAL

A Coruña, 16 de setembro de 2010- A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, quere amosar o seu máis profundo pesar, no seu nome e no de todo o noso Departamento,  polo falecemento dunha muller onte en Ponteceso, a mans da súa ex-parella.

Margarida Vázquez destaca unha vez máis a importancia de que toda a sociedade se implique na loita contra este problema social denunciando os casos de posibles malos tratos dos que poidan ter sospeitas, ao fin de evitar este tipo de situacións e as tráxicas consecuencias que quedan reflectivas nos perto de cincuenta casos de falecemento de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas no que vai de ano 2010 no conxunto do Estado, segundo os datos que difundiu recentemente o Ministerio de Igualdade.

A Concellaría de Igualdade continuará o seu labor para acabar coa violencia de xénero a todos os niveis ofrecendo non só apoio e asesoramento as mulleres senón ademais apostando pola concienciación social e a educación en valores desde a infancia.

Haberá unha concentración de repulsa hoxe ás 20:00 no Obelisco.


13.9.10

Cursos de formación do Plan de emprego e participación das mulleres


A partir de outubro comezaremos estes Cursos de formación dirixidos ás mozas e mulleres da Agra do Orzán, dentro do Plan de emprego e participación das mulleres. O obxectivo deste Plan é promover a incorporación das mulleres ao mercado laboral e a súa participación na vida social do barrio.


Deixámosvos na anterior imaxe toda a información e lembrámosvos que a Oficina de información do URBANA-C se atopa na Rúa Corcubión 8, teléfono 981 924 831 e que se atende os luns, mércores e venres de 9:30 a 14:00 horas.

10.9.10

A obra de Faith47 atrae atención e curiosidade sobre o Barrio das Flores


Fálase de vandalismo e de falta de respecto polos bens públicos e, en ocasións, privados. É unha constante dos últimos tempos encher titulares e conversas a conta dos destrozos que padece o mobiliario urbano. As causas, moi simplificadas, parten desde o manido "botellón" ata unha suposta falta de valores da nosa sociedade actual, e da mocidade actual máis concretamente.

O certo é que as diferentes experiencias artísticas que estamos levando a cabo desde a nosa Concellaría, todas elas centradas tanto na visibilización do protagonismo feminino nas artes, alonxado dos roles e estereotipos que comunmente levaba ese protagonismo asociado, como nas intervencións participativas de cara á rehabilitación e humanización de espazos urbanos degradados, ben sexa un muro do barrio do Ventorrillo ou do Barrio das Flores ou ben unha tradicional área comercial en decadencia -San Andrés 1.0-, demostran con meridiana claridade que a arte e os espazos urbanos que ocupa son respectadas polo conxunto dos cidadáns e cidadás que, amais diso, as aprezan.

Desde a finalización do muro de Faith47, aló polo 14 de maio, ata o día de onte, cando nos aproximamos a este espazo ubicado na rúa Petunias, mirando cara á entrada ao Pavillón Deportivo do Barrio das Flores, a obra desta artista sudafricana permanece inalterable, atraendo a un importante número de curiosos, tanto veciños como "foráneos", a esta "agochada" parte do Barrio das Flores.

Animámosvos a visitala, dar unha volta sobre si mesma na procura do texto que a complementa, e coidala con mimo. Esa obra penténcenos a tod@s.

8.9.10

O Ministerio de Igualdade presenta un estudo sobre desigualdades laborais entre homes e mulleres


Entre as súas conclusións destaca que a brecha salarial no conxunto do Estado Español rexistra o meirande descenso dos últimos cinco anos, pasando do 25,6 ao 22% en gañancia media anual e do 19 ao 16% en gañancia media por hora traballada.

España atópase así nunha posición positiva respecto á media da brecha salarial da UE.

A Lei de Igualdade, os Plane de Igualdade, o distintivo de Igualdaed na empresa ou os mecanismos de control e o incremento do conñecemento son consideradas as ferramentas clave no deseño de políticas contra a brecha salarial.

E de destacar o caso de Galicia, cunha brecha salarial moi inferior á media estatal e mesmo europea, co 14%. Navarra encabeza os datos negativos co 22% e Extremadura e Canarias os positivos co 5% respectivamente.

Descargar "La brecha Salarial: realidades y desafíos"

Descargar "La brecha salarial de género en la encuesta de estructura salarial 2008: Descenso y cambio de tendencias"

6.9.10

Boletín de intercambios do Banco de tempo da Coruña para o mes de setembro

Aquí poderedes consultar as ofertas e demandas para o noso Banco de tempo durante o mes de setembro.

Outra boa nova é que xa somos máis de 40 soci@s!!!!!!!

Noraboa e que siga así!!!!

Por outra banda, o novo correo e-mail do banco é bdt@coruna.es.




1.9.10

Actividades do proxecto ADA INTEGRA


Desde o proxecto ADA INTEGRA remíennos información actualizada sobre as vindeiras actividades que estamos a organizar, nas que terán prioridade as mulleres migrantes que residan na nosa cidade:

- CURSOS DE INFORMÁTICA BÁSICA, OFIMÁTICA E INTERNET : Na seguinte imaxe remitimos as datas confirmadas dos cursos de Ofimática (2), Internet (2) e Informática Básica (2).


- FESTA DE BENVIDA: sábado, 28 de agosto, a partir das 13 horas. Puideron participar todas as mulleres que así o desexaron. O único requisito foi a elaboración dun prato típico do lugar de orixe. Tiveron que facer inscrición previa, comentando o número de persoas que participarían. A festa tivo lugar no Centro municipal da muller. Ver AQUÍ.



- OBRADOIRO DE BUSCA ACTIVA DE EMPREGO (12 h): 31 de agosto e 2, 7, 9 de setembro. De 9,30 a 12,30 horas.

- “CONTIGO, ME RÍO”. OBRADOIRO DE RISA: 6,13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro.


Quenda de mañá: de 10 a 11 horas. Quenda de tarde: de 5 a 6 horas.

- ACCESO LIBRE AO AULA DE INFORMÁTICA: Quenda de mañá: de luns a venres de 9 a 11 horas.

Quenda de tarde: martes e xoves de 4,30 a 6,30 horas.

Todas as actividades e os servizos son gratuítas, poderán contar (previo aviso) de servicio de canguraxe (previa isncrición) e se realizan no Centro Municipal da Muller, rúa Hortensias, s/n

Para máis información contactar con Natalia Domínguez 981 184 356 ou en n.dominguez@coruna.es