7.3.11

O Día Internacional das Mulleres achegarase este ano aos centros cívicos para fomentar a igualdade entre toda a cidadanía


A CONCELLEIRA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ PRESENTOU HOXE O PROGRAMA PREVISTO CON MOTIVO DESTA CONMEMORACIÓN, QUE SE INICIARÁ TRAS AS CELEBRACIÓNS DO ANTROIDO CO FESTIVAL MULLERES ARTE + PARTE

A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, presentou hoxe o programa previsto para a conmemoración do Día Internacional das Mulleres, o 8 de marzo. Nesta comparecencia, Margarida Vázquez estivo acompañada por BetI Rico, coordinadora de programas da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá.

A concelleira sinalou que dado neste ano a data coincide co Antroido, polo que unha vez que conclúan as tradicionais celebracións desta festa se iniciará o programa previsto para a conmemoración do 8 de Marzo, que este ano leva como lema “A Coruña, medrando en igualdade”. O pistoletazo de saída ás actividades, que se prolongarán case até Semana Santa, darase co Festival Mulleres Arte + Parte, previsto para o sábado, 12 de marzo, en EXPOCORUÑA. Este evento multidisciplinar ten como obxectivo reivindicar o papel protagonista das mulleres nas distintas disciplinas artísticas, nas que historicamente foi relegada como simple elemento decorativo. Por tanto, serán elas o eixo condutor dun encontro no que se mesturarán as artes plásticas, as artes escénicas e a música.

Neste sentido, Margarida Vázquez salientou que os obxectivos e o programa de Mulleres Arte + Parte ven a entroncar coa filosofía da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, no que se reivindica a necesidade de seguir impulsando dende todos os ámbitos de representación o benestar das mulleres removendo os obstáculos que o impidan para encarar a década cun compromiso equilibrado de futuro. Así se reflicte na declaración institucional do Concello da Coruña con motivo do 8 de Marzo que, tal como adiantou a concelleira, foi aprobada por unanimidade no Pleno celebrado hoxe.


Nesta declaración o Concello da Coruña comprométese a incentivar a perspectiva de xénero nas políticas activas de emprego que a desenvolven a nivel local, invitar ás administracións a fortalecer a colaboración para mellorar os servizos e programas de apoio á conciliación laboral e familiar, e instalas a que participen activamente en incentivar políticas de xénero.

Con respecto ao programa do Día Internacional das Mulleres, Margarida Vázquez lembrou que o seu departamento leva moito tempo traballando la promoción desta conmemoración a través de múltiples actividades. De feito, o pasado ano participaron, a través dos centros de ensino de infantil e primaria, un total de 941 nenos e nenas da cidade.

Para este ano están previstas, ademais de Mulleres Arte + Parte, numerosas actividades vencelladas fundamentalmente aos centros cívicos, co fin de implicar á cidadanía dos diferentes barrios da cidade do fomento das políticas de igualdade. Así, Margarida Vázquez destacou propostas como os obradoiros de sensibilización en igualdade interxeneracional, pensados para todas as idades a partir de 16 anos, nos que se revisen os vellos contos, dominados polos valores estereotipados e pola violencia contra as mulleres. Estes obradoiros, tal como figura no programa que se adxunta xunto con esta nota de prensa, celebraranse en oito centros cívicos entre os días 15 de marzo e 13 de maio.

Tamén lembrou a concelleira que se retomará a itinerancia da exposición do obradoiro de corresponsabilidade, sobre os tópicos sexistas que rodean á división do traballo nas tarefas domésticas. Recuperar a historia das mulleres será o obxectivo doutra das actividades programadas, que leva por título “Mulleres no rueiro” e que consiste nunha homenaxe ás 37 mulleres que teñen rúas dedicadas na Coruña dun total de 1.500 vías. Así, realizarase un itinerario guiado achegando ás persoas participantes a historia descoñecida destas mulleres, nunha actividade que se desenvolverá en cinco centros cívicos.

Por último, Margarida Vázquez resumiu o contido dos actos do ciclo audiovisual programado tamén para esta conmemoración, coa proxección de tres documentais que levan por título Irene a porteira, Pádel e Medina Feminino de Baloncesto, e con contidos que se resumen no documento sobre o programa, así como a longametraxe documental titulada “A maleta de Sofía”, na que se recupera a historia e a vida de Sofía Casanova, escritora, poeta e a primeira muller correspondente de guerra da historia, como lembraba Margarida Vázquez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario