21.7.09

Canguros Municipais a Domicilio

Desde a semana pasada, en que se recibiron as primeiras peticións de familias que xa formalizaran a súa solicitude para entrar no Servizo Municipal de Atención á Infancia, podemos confirmarvos que XA estamos prestando a modalidade de Atención a Domicilio por primeira vez na historia da nosa cidade.

Por agora trátase dunhas poucas familias con auténticos problemas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal, entre outras cousas por non dispoñer de tempo material, polos horarios laborais da parella ou da persoa responsable, e non contar cunha rede social na nosa cidade. Isto é, falamos de persoas que non poden recorrer a familiares ou amigos de moita confianza para que lles resolva o eterno problema de qué facer cos menores cando non hai actividade lectiva e as obrigas laborais impiden totalmente coidar mínimamente deles.

Agárdase un progresivo aumento da demanda conforme sexa un Servizo máis coñecido e conte coa experiencia positiva de familias ou unidades familiares como as que xa están a disfrutalo actualmente. Un bo termómetro do que pode dar de si será cando cheguen as enfermidades características do outono-inverno ( gripes, resfriados....) tanto da/s e do/s menores como dos adultos, coincidindo co período escolar.

Ante o máis que seguro interese que pode espertar en moitas unidades familiares o comezo deste Servizo, pasamos a lembrarvos unha serie de cuestións a ter en conta:

1. É necesario cubrir o impreso de solicitude de ALTA no Servizo e entregar a documentación que se solicita. Podedes ver e descargar ese impreso AQUÍ. Esa solicitude debe entregarse nun Rexistro Municipal ( María Pita ou Forum Metropolitano ).

2. Unha Técnica do Concello concertará unha cita coa persoa da familia que solicite o Servizo para coñecer o caso e saber qué modalidade ou modalidades do Servizo pode precisar.

3. Unha vez cumpridos estes trámites, xa estades en disposición de solicitalo en canto vos faga falta. Salvo emerxencias xustificadas, o aviso debe chegar con 48 horas de antelación.

4. Xa hai máis de 50 familias que xa poden empregar este Servizo.

Desde a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá recomendamos previr antes que lamentar e presentar canto antes a Solicitude de ALTA.

20.7.09

Segunda edición do Festival Mulleres: arte+parte


O 29 de novembro de 2008 celebrouse no Recinto Feiral Expocoruña a primeira edición do Festival “Arte+Parte”.

Visitar o Blog do Festival arte+parte

Este Festival, organizado entre a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e IFECO Expocoruña, e que contou coa colaboración económica, entre outros, de Begano S.A., ITC Grupo e Gadisa, pretendeu ser unha pedra de toque sobre o papel secundario e estereotipado que as mulleres adoitan representar, ou que se adoita representar interesadamente da muller no seu conxunto, no mundo das diferentes disciplinas artísticas, nomeadamente na música e nas producións audiovisuais.

Como continuidade ao traballo de compilación, exposición e debate que a Concellaría viña xa desenvolvendo desde o Proxecto Exposición “DESENFOCADAS: Imaxe feminina nas revistas dirixidas a rapazas novas”, organizada arredor da celebración do 8 de marzo "Día Internacional das Mulleres" na súa edición de 2008, e que forma parte do catálogo de obradoiros-exposicións que o Concello da Coruña oferta aos centros educativos da nosa cidade, este Festival sitouse no punto intermedio entre a denuncia dunha situación de desamparo e desigualdade na que se atopan as mulleres desde moi novas á hora de encamiñarse cara ao mundo das artes, convertidas en meros obxectos de visualización e desfrute masculinos, nomeadamente nos aspectos que máis inciden na sexualización, como son o “Lolitismo”ou trunfo da imaxe adolescente como o único ideal de beleza feminino, os movementos “sexis”, o vestiario provocativo, o vocabulario reducido a un mar de tópicos, a mitificación da beleza máis externa, a “cousificación”....., e a reivindicación do seu auténtico valor como artistas e como mulleres que deben salvar todos estes obstáculos antes de podérmonos achegar á súa arte e captala na súa exacta dimensión, con criterios puramente artísticos.

Naquela data, e ao longo de toda unha xornada, as coruñesas e coruñeses que se achegaron ata Expocoruña puideron coñecer, directamente, sen os filtros habituais, a obra artística de mulleres que se desenvolven en disciplinas como o cine, a danza e o teatro, e, sobre todo, a música e o espectáculo.

Para iso, contouse con artistas tanto locais e/ou galegas ( Carmen Rei, Nadadora e Margarida Ledo ) como estatais ( Dorian, Souvenir ) e internacionais ( Emma Pollock, Lucky Soul e Dead Pixels ).

Un dos valores engadidos que tivo este Festival foi, ademais do anteriormente dito, a posibilidade dos asistentes de achegarse directamente, sen intermediarios, ás artistas a través dos encontros co público, unha constante ao longo de todo o Festival e que forman parte xa da “marca propia” deste evento.



A segunda edición

A valoración global realizada desde esta Concellaría do que supuxo esta primeira edición do Festival Mulleres: arte+parte foi moi positiva, non tanto pola afluencia total ao evento, que se aproximou en toda a xornada ás dúas mil persoas, todo un record para unha actividade de reivindicación feminina e igualitaria celebrada en ningún tempo na nosa cidade da Coruña, se non pola enorme transcendencia mediática do evento, o cal xenerou unha publicidade non prevista, tanto en medios escritos como a través de internet, valorada pola empresa “Cultura de Comunicación”, experta no sector, en máis de 40.000 euros.

Tendo en conta estes precedentes, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá dá continuidade ao proxecto, con idea de melloralo e darlle máis transcendencia pública, en canto á xustificada e necesaria pretensión de visualizar e visibilizar o papel protagonista feminino, en iguais termos ao masculino, no cualitativo, xa que non no cuantitativo, coa segunda edición do Festival Mulleres, que desta vez leva por título “arte+parte=2”.

A principal novidade desta cita será a realización do mesmo en dúas xornadas diferenciadas.

Na primeira delas, a celebrar o venres 30 de outubro, o Festival centrarase únicamente na parte musical do mesmo, ofertando unha coidada selección de artistas, unha local ou galega, unha estatal e unha internacional, que supoñan un atractivo por si mesmas. Artistas que se poderían escoitar en calquera festival musical dos que se desenvolven no Estado.

O día seguinte, sábado 31 de outubro, sen custo algún para quen quixese acudir, estará adicado ás diversas disciplinas artísticas presentes nesta edición.

Efectivamente, ás disciplinas do cine e da danza e teatro, xa presentes na primeira edición, súmanse este ano a pintura, a partir dunha homenaxe aos logros científicos nos campos da física, química e astronomía que protagonizaron mulleres do século XIX, reivíndicase o papel da muller nalgúns dos máis salientables descubrimentos científicos de hai dous séculos, a fotografía, da man dunha profesional nativa da nosa cidade, as jam sessions, a través de perto dunha decena de actuacións musicais breves e moi diversas tanto en estilos coma en intérpretes, a presencia de empresas, asociacións e colectivos vencellados á creación artística e ao “feminino” presentes na Coruña, a radiodifusión, os obradoiros de grafittis, a promoción dos grupos musicais locais, con preferencia polos que contan con intérpretes femininas, e as mesas de debate e encontro co público, que nesta edición centraranse en aspectos como a muller e o deporte, a ciencia, o espectáculo e a industria.

Xa vos irempos adiantando cousas nos próximos días!!!!!!

Prometemos grandes novidades!!!!!


15.7.09

Inauguración da exposición Ciencia Ex-Aequo, de Margarita Cimadevila, no Aquarium Finisterrae


A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá inaugura, mañá xoves 16 de xullo, nas instalacións do Aquarium Finisterrae ( Casa dos Peixes ), a exposición “Ciencia Ex Aequo”, da que é autora a artista coruñesa Margarita Cimadevila.

Margarida Vázquez Veras, Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, quen estará acompañada neste acto pola artista e científica Margarita Cimadevila, anima todas as coruñesas e coruñeses a achegarse a un conxunto artístico que rende homenaxe ás mulleres científicas que, a pesar de realizaren descubrimentos de suma importancia para o progreso da humanidade, foron ignoradas, esquecidas ou relegadas a un segundo plano a favor dos seus superiores, colegas, competidores ou compañeiros, todos eles homes que non tiveron reparo en atribuírse os seus traballos.

A selección das científicas centrouse no século pasado nos campos da física, química, bioloxía, matemáticas e astronomía. Isto concretouse en doce propostas plásticas.
Durante o acto, presentarase ademais o catálogo desta exposición editado pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá .

Os cidadáns e cidadás da Coruña, así como as persoas que nos visiten ao longo deste verán, poderán disfrutar desta obra conceptual, reivindicativa, colorista, imaxinativa e mesmo pedagóxica a partir do propio 16 de xullo ata o 30 de agosto.

6.7.09

Entrevista a Margarida Vázquez na revista "Muger", número 12.

Reproducimos, polo seu interese, a entrevista exclusiva concedida pola Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, publicada na revista dixital Muger, no seu número correspondente ao mes de xuño, e que edita o Instituto Germinal

Despois de dous anos como Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá no Concello da Coruña, como valora o tempo que leva no posto?

Foron dous anos de traballo intenso porque coa entrada do novo goberno no 2007 se crea no organigrama municipal unha concellería como tal, para levar de forma específica os proxectos de igualdade. Esto é moi importante, en primeiro lugar por temas de visibilización e, en segundo lugar, polo acordo de governo acadado para impulsar medidas transversais de xénero. O principal reto era montar un organigrama propio, unha estructura que non existía, con orzamento propio, locais, proxectos, e a idea máis ambiciosa de abordar programas de carácter transversal con outras concellerías. Nestes dous anos conseguimos ter este organigrama que, aínda que de momento está medio valeiro, estase enchendo de persoal e de contidos programáticos para, unha vez consolidado, traballar de forma transversal con outras concellerías.
Por outra banda, neste tempo procuramos fixar uns obxectivos de mandato e empezar a traballar nos aspectos considerados prioritarios. Neste senso, o obxectivo xenérico é remover todos aqueles obstáculos que impiden a igualdade, pero traballando fundamentalmente en dous ámbitos: con respecto aos homes, conseguir a democracia doméstica no ámbito privado, fomentando a corresponsabilidade entre homes e mulleres; e con respecto ás mulleres, impulsando políticas de ocupación do espazo público de participación laboral, social y de poder a través do empoderamento.

Que accións se levan a cabo dende a Concellería no ámbito do tratamento da violencia de xénero?

Dende hai moitos anos funciona na Coruña unha Casa de Acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero, sendo a única de titularidade pública que existe en Galicia. Este aspecto hai que resaltalo polo plus de calidade que representa e a posibilidade de articular programas de actuación propios. Nestes dous anos, dende a nosa Concellería traballamos, en primeiro lugar, en coordinación coa Secretaría Xeral de Igualdade, para o establecemento de plans xerais de integración e de tratamento da violencia de xénero. Por outra banda, dado que se introduciron modificacións lexislativas importantes, as casas de acollida quedaron como un recurso que está ahí, non se poden pechar, pero é necesario darlles un tratamento moi distinto para adaptarse aos cambios. Neste senso, o que pretendemos é cambiar o concepto de "casa de acollida" para empezar a construir unha "rede de acollemento". Neste momento, estamos esperando a concesión de dous o tres pisos de titularidade pública para utilizar dentro desta rede de acollemento. Ademais, mediante un convenio asinado coa Deputación de A Coruña, estase rehabilitando unha nova vivenda que ofrecerá prazas tanto para mulleres vítimas de violencia de xénero como tamén para aquelas consideradas de emerxencia social. Ás veces hai casos de mulleres que é difícil recoñecer como vítimas de violencia de xénero pero que se atopan nunha situación de emerxencia social por causa indirecta dela.
Estamos traballando nesta dirección porque entendemos que a Casa de Acollida ten que servir como un servizo de primeira urxencia, de primeira estancia, de avaliación da situación da muller: as súas circunstancias psicolóxicas e xurídicas particulares ou as súas posibilidades de independencia económica. A partir de ahí será preciso traballar coas mulleres nun espazo máis normalizado como son os pisos da rede de acollemento, onde poidan ter máis independencia e conseguir a súa autonomía persoal, sempre co apoio necesario dende o Concello en temas xurídicos, psicolóxicos ou de orientación laboral. O obxectivo fundamental é que consigan unha recuperación máis rápida, e para iso teñen que servir estes recursos.

Dende a Concellería vense realizando unha importante labor de potenciación e dinamización do CIM (Centro Información á Muller). Que clase de iniciativas e novos servizos incorpora?

A constitución do CIM é un importante proxecto que está só a falta da correspondente acreditación por parte do Servizo Galego de Igualdade e, neste momento, atópase paralizado polo cambio do Goberno Autonómico. Aínda así, o antigo Centro Municipal da Muller atópase en obras de ampliación para dispoñer de máis espazo e mellorar o seu acondicionamento.A idea é ter un Centro de Información á Muller que funcione dende o Concello porque era algo que non existía na Coruña. As funcións do CIM abarcarán dende a atención psicolóxica e xurídica continuada para mulleres maltratadas e para todas as mulleres que o precisen, ata un servizo de orientación laboral e atención social. Todo acompañado de actividades socio-culturais nas que se potenciará a temática da igualdade, autoestima, autonomía persoal, información xurídica, sanitaria, intelixencia emocional, etc... cun obxectivo de conseguir o empoderamento e o control das propias emocións por parte das mulleres. Estamos traballando, xunto con asociacións de mulleres, nun catálogo completo de actividades destinadas a todos os ámbitos e mulleres. Hai actividades de todas as características e condicións. Co remate das obras, a partir do mes de setembro, está previsto comezar a funcionar con todas as actividades e ofrecendo unha asistencia integral ás mulleres da Coruña en todas as áreas. Ademais, estamos desenvolvendo tamén un proxecto que contempla un centro multiusos no Agra do Orzán para desenvolver actividades específicamente dirixidas ás mulleres, que vai funcionar como un centro complementario.
A nosa idea inicial era a creación dunha "Casa da Muller" no centro da Coruña, pero estamos satisfeitos con ter dous centros. O importante é contar con espazos a disposición das mulleres.

Un dos ámbitos onde a desigualdade entre homes e mulleres segue sendo patente é o laboral. A taxa de paro feminina é maior, a brecha salarial a favor dos homes é unha realidade, as mulleres acceden aos postos de traballos menos valorados e en peores condicións laborais, ... Estase traballando neste terreo?

Dende a Concellería de Igualdade estamos traballando para mellorar a empregabilidade das mulleres da Coruña. Neste tempo fíxose un estudo con empresas da cidade para definir os atrancos que atopan as mulleres no acceso ao mercado laboral en igualdade de condicións que os homes. Hai que sinalar que neste ámbito mantemos unha estreita colaboración co Centro de Formación e Emprego municipal para a realización de cursos formativos destinados a favorecer a inserción laboral das mulleres. Neste momento temos establecida unha colaboración Neste momento temos establecida unha colaboración comisión de avaliación e incorporación de políticas de igualdade. Dentro deste proxecto vai realizarse unha avaliación dos centros de orientación laboral e de formación para a empregabilidade dende a perspectiva de xénero.
Lévanse xa dous anos abrendo o camiño, e quedan aínda dous máis para amplialos e consolidalos.


Cal é a súa finalidade?, que servizos ofrece?, quenes son os beneficiarios/as dos distintos programas?.

O Servizo Municipal de Atención á Infancia foi a nosa aposta, dende o principio, para favorecer á conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal. É unha idea pioneira, xa que non hai ningún servizo parecido en todo o Estado.
Pensamos que de conciliación se fala moito e hai que traballar nun amplísimo espectro de áreas porque a casuística é moi variada. Hai que traballar no ámbito privado, favorecendo a corresponsabilidade. Hai que traballar co empresariado para acadar maior flexibilidade por parte das empresas; que sexan conscientes das necesidades de conciliación de homes e mulleres, que moitas veces é un problema de entender a organización empresarial dende outra perspectiva. É necesario traballar tamén cos bancos do tempo e na organización de tempos na cidade.
O certo é que hai un momento na vida no que as cargas familiares son un problema, e moito máis acusado nun ámbito territorial como A Coruña, donde máis do 90% das empresas teñen a consideración de "microempresas", segundo os datos dunha enquisa realizada a 400 empresas da localidade.
Deste xeito, as medidas de conciliación facilitadas pola empresa son moi escasas ou nulas. É necesario apostar, polo tanto, por un servizo público de conciliación, abrendo a posibilidade nun futuro ao financiamento empresarial.
Os servizos que ofrecemos para favorecer a conciliación son fundamentalmente tres: en primeiro lugar, a atención a domicilio, que comeza o 1 de xullo, destinada aos nenos e nenas que non poden sair do fogar familiar. Poden beneficiarse deste servizo menores dende os tres meses ata os doce anos. Están tamén os espazos de atención a infancia públicos, ou espazos infantís, destinados a cubrir necesidades de carácter máis puntual como asistir a unha entrevista de traballo, un período de prueba, unha emerxencia familiar, enfermidade,…
Os espazos abren en horario de inverno de 3 da tarde a 8 da noite, e no verán ten un programa especial adaptado ao período vacacional escolar. É un servizo que ten moitas solicitudes.E temos ademais as ludotecas, cun horario moi flexible e continuado, e cunha programación específica que xira en torno ás temáticas de coeducación, igualdade, convivencia, diversidade ou medioambiente. O próximo 1 de xaneiro abriremos a ludoteca municipal do Barrio de Mesoiro. Estes dous últimos servizos están destinados a nenas e nenos de 4 a 12 anos. Estes innovadores programas específicos complementan ao resto de programas municipais como as escolas infantís (de 0 a 3 anos), que agora amplían o seu horario, o programa "madrugadores", ou os campamentos de verán. Estamos traballando tamén nunha nova opción para o curso que ven, que sería unha oferta única coa Concellería de Deportes. Preténdese realizar unha oferta deportiva que, ao mesmo tempo, facilite a conciliación. O noso obxectivo neste ámbito é ofrecer servizos que vaian adaptándose ás necesidades de conciliación das persoas.

Fálase moito da importancia da coeducación dos nenos e nenas. Como contribúe a Concellería de Igualdade e Participación Cidadá no fomento dunha educación en valores igualitarios?

O Concello da Coruña ten un programa específico: "Aprender Coruña", con distintos programas educativos destinados aos centros de ensino públicos. A nosa Concellería o que fixo neste tempo foi aumentar a oferta de programas e contidos en materia de igualdade, comezando pola prevención da violencia de xénero. Deste xeito, desenvólvense programas educativos dende Educación Primaria, ata Secundaria. En Primaria, dende o primeiro ciclo, este ano ofertouse unha educación en igualdade utilizando xogos, audiovisuais, publicacións ou contos editados pola propia Concellería.
En secundaria, leváronse a cabo obradoiros centrados en dous programas: a prevención da violencia de xénero e a educación afectivo-sexual. Tamén se desenvolveron obradoiros nalgúns institutos, aproveitando unha exposición modular
itinerante que foi inaugurada co motivo da celebración do 8 de marzo, sobre a imaxe da muller e a pervivencia de estereotipos nas revistas para adolescentes. Nestes obradoiros tivemos a posibilidade de empregar algúns dos módulos da exposición como soporte e apoio. Os obradoiros co alumnado de secundaria multiplicáronse este curso en cantidade e variedade de cursos ofertados. Para o ano que vén, a intención é impartir unha especie de itinerario formativo, ampliando estas actividades de secundaria a primaria. Neste senso, o principal problema que atopamos é o orzamentario, de modo que os itinerarios iranse implantando de forma progresiva. O principal é dotar de continuidade a estas accións educativas As conclusións obtidas tras o traballo desenvolvido ata o de agora van en dúas direccións: en canto ao profesorado, parece necesario intensificar a súa colaboración e a súa presencia nos obradoiros co obxectivo de dar maior continuidade ao programa e lograr unha transversalidade dos contidos en igualdade noutras clases, ademais de sensibilizar e implicar ao profesorado.
No que se refire aos nenos e nenas, o que atopamos é que non estamos tan avanzados como entendíamos na interiorización da igualdade por parte das novas xeneracións. Seguen reproducindo os estereotipos que están na base das desigualdades de xénero e asistimos, ademais, a un preocupante aumento da violencia entre os mozos e as mozas, o que supón que a violencia de xénero non é un tema que poida superarse fácilmente en pouco tempo. Hai que seguir traballando moito neste ámbito".



"Levo moito tempo traballando en igualdade tanto dende a Deputación como no Concello. Este traballo ten unha parte moi bonita que é a construción dun proxecto, pero é certo que vai levar moito tempo a erradicación de calquera tipo de discriminación contra as mulleres, porque hai problemas de discriminación contra elas que non se coñecen o suficiente. Polo tanto, eu creo que o fundamental é detectar as desigualdades para poder darlles solucións. E as desigualdades están ahí, seguen
producíndose. Por exemplo, hoxe as mulleres futbolistas non teñen recoñecida a súa profesionalidade pola Federación Nacional de Fútbol e son contratadas en diferentes postos de traballo que nada teñen que ver coa súa auténtica profesión. É necesario seguir traballando."

Margarida Vázquez Veras
Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá
Concello da Coruña

3.7.09

Igualdad Coruña, a nosa porta de entrada ao mundo hispano-falante.


Por sorte, son cada vez máis as persoas non galegas ou galegas castelán-falantes interesadas nas políticas de Igualdade e Participación Cidadá que se están a desenvolver no noso Concello.

Últimamente mantivemos contactos con entidades e institucións de León, Barakaldo, Córdoba ou Valencia. Moi especialmente en todo o que se refire aos Canguros Municipais, mais tamén en canto ás políticas de participación. Concretamente, o Programa ADA para a integración das mulleres inmigradas extracomunitarias, do que vos falaremos pronto.

É por isto que, desde a nosa Concellaría, decidimos poñer en marcha un portal único que integrase diferentes post, escollidos entre os dos nosos blogs de Igualdade e Participación Cidadá, traducidos ao español, como un recurso máis para a promoción e extensión das políticas que levamos a cabo desde o noso Departamento.

Na columna superior dereita podedes atopar o enlace a un tradutor web galego-español moi atinado ( non sempre é así ), pero para as persoas ás que lles poida resultar complicado o seu uso, xa que a función de tradución web aparece ao final da páxina, decidimos poñer en marcha esta Igualdad Coruña que esperamos sexa do voso agrado e utilidade.


Erradiquemos a violencia de xénero formando profesionais da educación.


Desde a Comisión para a Investigación de Maos Tratos a Mulleres, convídannos a que coñezamos e apoiemos a proposta da Plataforma Unitària contra les Violences de Gènere referente á Campaña para a erradicación da violencia de xénero formando persoas profesionais da educación.

"La ley contra la violencia de género establece su inclusión en la formación del profesorado, como requisito imprescindible para su erradicación. Las universidades están incumpliendo la ley. Exijamos su inclusión en los nuevos planes de formación universitaria de las y los profesionales de la educación".


Documento da Campaña

Enlace para asinar en favor da campaña