6.7.09

Entrevista a Margarida Vázquez na revista "Muger", número 12.

Reproducimos, polo seu interese, a entrevista exclusiva concedida pola Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, publicada na revista dixital Muger, no seu número correspondente ao mes de xuño, e que edita o Instituto Germinal

Despois de dous anos como Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá no Concello da Coruña, como valora o tempo que leva no posto?

Foron dous anos de traballo intenso porque coa entrada do novo goberno no 2007 se crea no organigrama municipal unha concellería como tal, para levar de forma específica os proxectos de igualdade. Esto é moi importante, en primeiro lugar por temas de visibilización e, en segundo lugar, polo acordo de governo acadado para impulsar medidas transversais de xénero. O principal reto era montar un organigrama propio, unha estructura que non existía, con orzamento propio, locais, proxectos, e a idea máis ambiciosa de abordar programas de carácter transversal con outras concellerías. Nestes dous anos conseguimos ter este organigrama que, aínda que de momento está medio valeiro, estase enchendo de persoal e de contidos programáticos para, unha vez consolidado, traballar de forma transversal con outras concellerías.
Por outra banda, neste tempo procuramos fixar uns obxectivos de mandato e empezar a traballar nos aspectos considerados prioritarios. Neste senso, o obxectivo xenérico é remover todos aqueles obstáculos que impiden a igualdade, pero traballando fundamentalmente en dous ámbitos: con respecto aos homes, conseguir a democracia doméstica no ámbito privado, fomentando a corresponsabilidade entre homes e mulleres; e con respecto ás mulleres, impulsando políticas de ocupación do espazo público de participación laboral, social y de poder a través do empoderamento.

Que accións se levan a cabo dende a Concellería no ámbito do tratamento da violencia de xénero?

Dende hai moitos anos funciona na Coruña unha Casa de Acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero, sendo a única de titularidade pública que existe en Galicia. Este aspecto hai que resaltalo polo plus de calidade que representa e a posibilidade de articular programas de actuación propios. Nestes dous anos, dende a nosa Concellería traballamos, en primeiro lugar, en coordinación coa Secretaría Xeral de Igualdade, para o establecemento de plans xerais de integración e de tratamento da violencia de xénero. Por outra banda, dado que se introduciron modificacións lexislativas importantes, as casas de acollida quedaron como un recurso que está ahí, non se poden pechar, pero é necesario darlles un tratamento moi distinto para adaptarse aos cambios. Neste senso, o que pretendemos é cambiar o concepto de "casa de acollida" para empezar a construir unha "rede de acollemento". Neste momento, estamos esperando a concesión de dous o tres pisos de titularidade pública para utilizar dentro desta rede de acollemento. Ademais, mediante un convenio asinado coa Deputación de A Coruña, estase rehabilitando unha nova vivenda que ofrecerá prazas tanto para mulleres vítimas de violencia de xénero como tamén para aquelas consideradas de emerxencia social. Ás veces hai casos de mulleres que é difícil recoñecer como vítimas de violencia de xénero pero que se atopan nunha situación de emerxencia social por causa indirecta dela.
Estamos traballando nesta dirección porque entendemos que a Casa de Acollida ten que servir como un servizo de primeira urxencia, de primeira estancia, de avaliación da situación da muller: as súas circunstancias psicolóxicas e xurídicas particulares ou as súas posibilidades de independencia económica. A partir de ahí será preciso traballar coas mulleres nun espazo máis normalizado como son os pisos da rede de acollemento, onde poidan ter máis independencia e conseguir a súa autonomía persoal, sempre co apoio necesario dende o Concello en temas xurídicos, psicolóxicos ou de orientación laboral. O obxectivo fundamental é que consigan unha recuperación máis rápida, e para iso teñen que servir estes recursos.

Dende a Concellería vense realizando unha importante labor de potenciación e dinamización do CIM (Centro Información á Muller). Que clase de iniciativas e novos servizos incorpora?

A constitución do CIM é un importante proxecto que está só a falta da correspondente acreditación por parte do Servizo Galego de Igualdade e, neste momento, atópase paralizado polo cambio do Goberno Autonómico. Aínda así, o antigo Centro Municipal da Muller atópase en obras de ampliación para dispoñer de máis espazo e mellorar o seu acondicionamento.A idea é ter un Centro de Información á Muller que funcione dende o Concello porque era algo que non existía na Coruña. As funcións do CIM abarcarán dende a atención psicolóxica e xurídica continuada para mulleres maltratadas e para todas as mulleres que o precisen, ata un servizo de orientación laboral e atención social. Todo acompañado de actividades socio-culturais nas que se potenciará a temática da igualdade, autoestima, autonomía persoal, información xurídica, sanitaria, intelixencia emocional, etc... cun obxectivo de conseguir o empoderamento e o control das propias emocións por parte das mulleres. Estamos traballando, xunto con asociacións de mulleres, nun catálogo completo de actividades destinadas a todos os ámbitos e mulleres. Hai actividades de todas as características e condicións. Co remate das obras, a partir do mes de setembro, está previsto comezar a funcionar con todas as actividades e ofrecendo unha asistencia integral ás mulleres da Coruña en todas as áreas. Ademais, estamos desenvolvendo tamén un proxecto que contempla un centro multiusos no Agra do Orzán para desenvolver actividades específicamente dirixidas ás mulleres, que vai funcionar como un centro complementario.
A nosa idea inicial era a creación dunha "Casa da Muller" no centro da Coruña, pero estamos satisfeitos con ter dous centros. O importante é contar con espazos a disposición das mulleres.

Un dos ámbitos onde a desigualdade entre homes e mulleres segue sendo patente é o laboral. A taxa de paro feminina é maior, a brecha salarial a favor dos homes é unha realidade, as mulleres acceden aos postos de traballos menos valorados e en peores condicións laborais, ... Estase traballando neste terreo?

Dende a Concellería de Igualdade estamos traballando para mellorar a empregabilidade das mulleres da Coruña. Neste tempo fíxose un estudo con empresas da cidade para definir os atrancos que atopan as mulleres no acceso ao mercado laboral en igualdade de condicións que os homes. Hai que sinalar que neste ámbito mantemos unha estreita colaboración co Centro de Formación e Emprego municipal para a realización de cursos formativos destinados a favorecer a inserción laboral das mulleres. Neste momento temos establecida unha colaboración Neste momento temos establecida unha colaboración comisión de avaliación e incorporación de políticas de igualdade. Dentro deste proxecto vai realizarse unha avaliación dos centros de orientación laboral e de formación para a empregabilidade dende a perspectiva de xénero.
Lévanse xa dous anos abrendo o camiño, e quedan aínda dous máis para amplialos e consolidalos.


Cal é a súa finalidade?, que servizos ofrece?, quenes son os beneficiarios/as dos distintos programas?.

O Servizo Municipal de Atención á Infancia foi a nosa aposta, dende o principio, para favorecer á conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal. É unha idea pioneira, xa que non hai ningún servizo parecido en todo o Estado.
Pensamos que de conciliación se fala moito e hai que traballar nun amplísimo espectro de áreas porque a casuística é moi variada. Hai que traballar no ámbito privado, favorecendo a corresponsabilidade. Hai que traballar co empresariado para acadar maior flexibilidade por parte das empresas; que sexan conscientes das necesidades de conciliación de homes e mulleres, que moitas veces é un problema de entender a organización empresarial dende outra perspectiva. É necesario traballar tamén cos bancos do tempo e na organización de tempos na cidade.
O certo é que hai un momento na vida no que as cargas familiares son un problema, e moito máis acusado nun ámbito territorial como A Coruña, donde máis do 90% das empresas teñen a consideración de "microempresas", segundo os datos dunha enquisa realizada a 400 empresas da localidade.
Deste xeito, as medidas de conciliación facilitadas pola empresa son moi escasas ou nulas. É necesario apostar, polo tanto, por un servizo público de conciliación, abrendo a posibilidade nun futuro ao financiamento empresarial.
Os servizos que ofrecemos para favorecer a conciliación son fundamentalmente tres: en primeiro lugar, a atención a domicilio, que comeza o 1 de xullo, destinada aos nenos e nenas que non poden sair do fogar familiar. Poden beneficiarse deste servizo menores dende os tres meses ata os doce anos. Están tamén os espazos de atención a infancia públicos, ou espazos infantís, destinados a cubrir necesidades de carácter máis puntual como asistir a unha entrevista de traballo, un período de prueba, unha emerxencia familiar, enfermidade,…
Os espazos abren en horario de inverno de 3 da tarde a 8 da noite, e no verán ten un programa especial adaptado ao período vacacional escolar. É un servizo que ten moitas solicitudes.E temos ademais as ludotecas, cun horario moi flexible e continuado, e cunha programación específica que xira en torno ás temáticas de coeducación, igualdade, convivencia, diversidade ou medioambiente. O próximo 1 de xaneiro abriremos a ludoteca municipal do Barrio de Mesoiro. Estes dous últimos servizos están destinados a nenas e nenos de 4 a 12 anos. Estes innovadores programas específicos complementan ao resto de programas municipais como as escolas infantís (de 0 a 3 anos), que agora amplían o seu horario, o programa "madrugadores", ou os campamentos de verán. Estamos traballando tamén nunha nova opción para o curso que ven, que sería unha oferta única coa Concellería de Deportes. Preténdese realizar unha oferta deportiva que, ao mesmo tempo, facilite a conciliación. O noso obxectivo neste ámbito é ofrecer servizos que vaian adaptándose ás necesidades de conciliación das persoas.

Fálase moito da importancia da coeducación dos nenos e nenas. Como contribúe a Concellería de Igualdade e Participación Cidadá no fomento dunha educación en valores igualitarios?

O Concello da Coruña ten un programa específico: "Aprender Coruña", con distintos programas educativos destinados aos centros de ensino públicos. A nosa Concellería o que fixo neste tempo foi aumentar a oferta de programas e contidos en materia de igualdade, comezando pola prevención da violencia de xénero. Deste xeito, desenvólvense programas educativos dende Educación Primaria, ata Secundaria. En Primaria, dende o primeiro ciclo, este ano ofertouse unha educación en igualdade utilizando xogos, audiovisuais, publicacións ou contos editados pola propia Concellería.
En secundaria, leváronse a cabo obradoiros centrados en dous programas: a prevención da violencia de xénero e a educación afectivo-sexual. Tamén se desenvolveron obradoiros nalgúns institutos, aproveitando unha exposición modular
itinerante que foi inaugurada co motivo da celebración do 8 de marzo, sobre a imaxe da muller e a pervivencia de estereotipos nas revistas para adolescentes. Nestes obradoiros tivemos a posibilidade de empregar algúns dos módulos da exposición como soporte e apoio. Os obradoiros co alumnado de secundaria multiplicáronse este curso en cantidade e variedade de cursos ofertados. Para o ano que vén, a intención é impartir unha especie de itinerario formativo, ampliando estas actividades de secundaria a primaria. Neste senso, o principal problema que atopamos é o orzamentario, de modo que os itinerarios iranse implantando de forma progresiva. O principal é dotar de continuidade a estas accións educativas As conclusións obtidas tras o traballo desenvolvido ata o de agora van en dúas direccións: en canto ao profesorado, parece necesario intensificar a súa colaboración e a súa presencia nos obradoiros co obxectivo de dar maior continuidade ao programa e lograr unha transversalidade dos contidos en igualdade noutras clases, ademais de sensibilizar e implicar ao profesorado.
No que se refire aos nenos e nenas, o que atopamos é que non estamos tan avanzados como entendíamos na interiorización da igualdade por parte das novas xeneracións. Seguen reproducindo os estereotipos que están na base das desigualdades de xénero e asistimos, ademais, a un preocupante aumento da violencia entre os mozos e as mozas, o que supón que a violencia de xénero non é un tema que poida superarse fácilmente en pouco tempo. Hai que seguir traballando moito neste ámbito".



"Levo moito tempo traballando en igualdade tanto dende a Deputación como no Concello. Este traballo ten unha parte moi bonita que é a construción dun proxecto, pero é certo que vai levar moito tempo a erradicación de calquera tipo de discriminación contra as mulleres, porque hai problemas de discriminación contra elas que non se coñecen o suficiente. Polo tanto, eu creo que o fundamental é detectar as desigualdades para poder darlles solucións. E as desigualdades están ahí, seguen
producíndose. Por exemplo, hoxe as mulleres futbolistas non teñen recoñecida a súa profesionalidade pola Federación Nacional de Fútbol e son contratadas en diferentes postos de traballo que nada teñen que ver coa súa auténtica profesión. É necesario seguir traballando."

Margarida Vázquez Veras
Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá
Concello da Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario