A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, expresou o alto grao de satisfacción das familias coruñesas co novo servizo municipal de atención á infancia a domicilio, que xa ten rexistradas as solicitudes de 54 familias para contar coa colaboración de caguros para o coidado dos seus fillos, e coa creación dos espazos de atención á infancia nos Rosales, Monte Alto e Castrillón, onde se atenderon os fillos de 142 familias.
Os espazos de atención á infancia están habilitados no centro de formación dos Rosales e nos centros cívicos de Monte Alto e Castrillón. Trátase dun servizo que permite realizar actividades lúdico-educativas a grupos de menores de idades comprendidas entre os catro e doce anos. Este servizo foi demandado por 142 familias e atendeu a un total de 189 menores. As motivacións das familias para recorrer a este servizo foi fundamentalemente a conciliación laboral e familiar.
Doutra banda, o servizo de atención á infancia a domicilio, coñecido como servizo de canguros, dá resposta no domicilio a necesidades de carácter extraordinario: coidados e atencións lúdico-educativas a menores de idades comprendidas entre os catro meses e os doce anos. Neste caso, son 54 as familias que solicitaron este servizo e 29 os nenos e nenas atendidas. As motivacións para acudir a este servizo son o traballo e enfermidade.
A concelleira destacou a especialización dos servizos, que describiu como de alta calidade. Tamén expresou a importancia de garantir estes servizos de conciliación e a importancia de adaptalos ás necesidades dos usuarios.
Para darse de alta neste servizo é necesario cubrir un formulario de alta que se pode recoller no Rexistro Xeral do Concello e no Centro de Información ás Mulleres, ou descargalo na web www.igualdadecoruna.blogspot.com.
Margarida Vázquez destacou a importancia de rexistrarse coa máxima antelación posible, aínda antes de precisalo realmente, para así facilitar o seu uso no momento en que se necesite.
No hay comentarios:
Publicar un comentario