3.12.10

Satisfacción polo grande éxito de participación e o impacto da campaña deste ano contra a violencia de xénero


OS ACTOS ORGANIZADOS POLA CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ REUNIRON A NUMEROSO PÚBLICO E FOI MOI CELEBRADA A TEMÁTICA DA IMAXE DA CAMPAÑA, BASEADA NOS ESTEREOTIPOS DOS CONTOS INFANTÍS

A campaña deseñada este ano con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero acadou un gran éxito de participación e tamén de impacto entre os cidadáns da Coruña, que puideron contemplar nos mupis luminosos instalados en numerosos puntos de todo o casco urbano, coa imaxe da campaña, baseada nos contos infantís que representan ao modelo estereotipado de “princesa”. Como explicaba a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, “desde a máis tenra infancia seguimos formando nenos e nenas cos mesmos clichés e os mesmos contos”, polo que a mensaxe que se quere dar é que “as mulleres non queremos príncipes que nos salven, nin queremos ser princesas, non queremos que nos mintan e queremos ser nos as donas do noso conto”.

O lema elixido, “que non che mintan princesa”, foi celebrado por numerosos colectivos e persoas que transmitiron o seu apoio á Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, e que responderon ás numerosas convocatorias realizadas no marco desta conmemoración. Desde o acto celebrado con motivo da proxección na Domus da imaxe da campaña até o acto central que tivo lugar no Obelisco, onde se instalou o chamado Bosque de Desexos e Palabras, no que numerosos coruñeses plasmaron os seus desexos contra a violencia de xénero.

Previamente, esas árbores foron viaxando por diferentes centros cívicos da cidade, onde os usuarios puideron expresar os seus desexos, unha das actividades de maior éxito de participación de cantas se celebraron recentemente nos centros cívicos, segundo aseguraban os responsables dalgúns deles.

Tamén están acadando un gran éxito de participación os obradoiros de prevención da violencia na mocidade, que aínda se están desenvolvendo en diversos centros educativos da cidade, así como a posta en escea da obra “Sen pecado concebida”, da compañía Mariclown e a gala “Elas falan”, un espectáculo poético-musical do grupo Ouriol co que culminaron estes actos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario