A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, asistiu en Madrid ao Seminario final do Proxecto EQUILIBRIO para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, proxecto europeo do que forman parte entidades locais do Estado Español e Noruega. A presentación do traballo desenvolvido desde o Concello da Coruña correu a cargo da Coordinadora de Programas da Concellaría de Igualdade Beti Rico, dentro da Mesa II denominada: “Facilitando la vida a la ciudadanía: políticas de apoyo a la conciliación: distintas iniciativas”, xunto con outros concellos de España como Aranda del Duero, Barcelona, Alcalá de Henares e mais o Concello da Marnarbal e o Condado de Vest Adger de Noruega.
Datos do Proxecto
O proxecto Equilibrio está financiado por Islandia, Liechtenstein e Noruega a través do Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEE) e o Instituto da Muller. Trátase dun proxecto liderado polo Instituto da Muller en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Asociación Norueguesa de Entidades Locais e Rexionais.
Como se van realizar estes Plans de Conciliación en cada municipio?
A consecución dos fins operativos programados contará cun equipo de traballo que, en función dunha metodoloxía creada ad hoc no marco do Proxecto, encargarase de asesorar e acompañar tecnicamente ás Entidades Locais. Os labores a realizar, en estreita colaboración co persoal técnico do Concello da Coruña, consistirán no diagnóstico, a detección de fortalezas e áreas de mellora dos recursos do territorio que favorecen a conciliación e a corresponsabilidade da cidadanía e, tamén, a priorización de medidas a pór en marcha a curto, medio e longo prazo. O resultado do asesoramento será o Plan de Conciliación Municipal que, avalado polo compromiso do Consistorio da Coruña, terá a posibilidade de comezar e executar as primeiras accións programadas até febreiro de 2011.
En que áreas municipais terá efectos directos o Plan de Conciliación?
Cada Plan favorecerá a conciliación do tres ámbitos da vida (laboral, persoal e familiar) incidindo en dous niveis da intervención local, un cara á cidadanía e outro cara aos seus propios traballadores e traballadoras. É dicir, por unha banda, no nivel interno ou da xestión dos recursos humanos que traballan no Concello e por outro, no nivel externo ou das políticas municipais dirixidas a mellorar a harmonización dos tempos de vida da cidadanía (medidas para a flexibilización dos tempos da cidade e do traballo, servizos de lecer e de atención a menores e persoas dependentes xunto a campañas para o cambio de crenzas e comportamentos cara á corresponsabilidade da sociedade).
Cales son os resultados que conseguirá o Concello da Coruña coa súa participación no Proxecto?
Un estudo-diagnóstico sobre a situación de partida, os recursos dispoñibles e/ou potenciais favorecedores da conciliación, así como as necesidades e demandas cidadás deste municipio en materia de conciliación da vida persoal, familiar e profesional.
A aprobación dun Plan de conciliación axustado ás necesidades concretas da nosa localidade.
A posta en marcha das primeiras actuacións contempladas no Plan de Conciliación.
A visibilización do Concello cara ao exterior como unha organización comprometida coa harmonización dos tempos da cidadanía e como exemplo para outros Concellos interesados en incorporar estratexias viables á súa política de actuación para promover a harmonización do tres espazos de vida.
xenial...espero que haxa apoio para nais monoparentais
ResponderEliminar