Mostrando entradas con la etiqueta Quiosco Alfonso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Quiosco Alfonso. Mostrar todas las entradas

9.3.10

Inauguración da exposición "Visibilidade". Unánime valoración positiva entre as persoas asistentes.


Onte, 8 de marzo, inaugurouse a exposición VISIBILIDADE, acto central do Concello da Coruña para a conmemoración do Día internacional das mulleres. O aplauso ante a montaxe desenvolvida nesta sala de exposicións do Palacio de María Pita foi, francamente, unánime. O responsable desta, Jose Luis Rey, destacou a creación dun contorno escuro que "visibiliza" as pezas alí expostas así como pon en valor os contidos que se queren transmitir.



Durante o acto inaugural, a Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xenerou unha grande expectación entre as persoas asistentes ao convidalas a traspasar o muro que antecede para visibilizar eses labores e traballos menos valorados, ás veces invisibles, que realizan principalmente as mulleres. Na foto superior, inytervención de Margarida ante o Alcalde e varios membros do goberno municipal como Quique Tello, María Xosé Bravo, Mario López Rico, todos eles á esquerda, e Nieves Vázquez, Obdulia Taboadela e Yoya Nreira á dereita.

Posteriormente, o Alcalde da Coruña, o señor Javier Losada, destacou os diferentes programas que o Concello da Coruña desenvolve para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal así como a inminente posta en marcha dun Plan de Conciliación Local, para o que a nosa concellaría conta co apoio do departamento de Persoal así como unha subvención europea dentro do programa "Equilibrio entre a vida laboral, familiar e persoal no Estado español e en Noruega", desenvolvido polo Ministerio de Igualdade.



A continuación destas intervencións, os asistentes iniciaron o acceso á sala non sen antes atoparse frontalmente cunha enorme representación da imaxe escollida este ano pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá para a promoción e reivindicación deste día: A palabra VISIBILIDADE sobrescrita nun estropallo de limpeza que agarra unha man feminina enfundada nun guante azul-violáceo de goma. Unha aposta decididamente atrevida e conceptual creada pola deseñadora Uqui Permui. Estaríamos, pois, ante unha man que ben puidera ser a de calquera das mulleres que realizan os calados e invisibles labores do fogar, non remunerados nin valorizados, ou ben a dunha das múltiples mulleres que profesionalizaron eses traballos para atoparse cunha absoluta falta de consideración social destes. Unha imaxe que é todo un achádego.


O Alcalde da Coruña e a Concelleira de Igualdade contemplan divertidos unha imaxe de Margarida solucionando problemas mecánicos na propia Praza de María Pita. O texto elaborado por Vitoria Rei lembrábanos como a presenza de mulleres nos estudos relacionados coa mecánica é, aínda hoxe, totalmente testemuñal.


De xeito moi semellante, traballos e profesións como a albanelería ou a pintura "de brocha gorda" semellan aínda terreo prácticamente vedado ás mulleres. Nestas instantáneas, Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes, e Carmen Marón, segunda Tenente de Alcalde e responsable das áreas de Economía e Facenda.


Varias asistentes contemplan a imaxe de Antonio Couceiro, director xerente de Begano S.A.


Uqui Permui, deseñadora do cartel conmemorativo, acompañada de Anxela Caramés.


Ana Montes, Xerente de IFECO-Recinto Ferial EXPOCORUÑA, ao volante do Ferrari de Kimi Räikkönen.


Nesta foto vemos reunidas de esquerda a dereita a Uqui Permui, autora da imaxe visual que vemos tras elas, Anxela Caramés, Elba Fernández "Pequena Suricata", autora das imaxes desta exposición, e Ana Luísa Bouza, última Directora Xeral do Servizo Galego de Igualdade.


Nesta simpática e sorpresiva instantánea Xulia Santiso, Directora da Casa Museo Emilio Pardo Bazán, comproba os diferentes materiais empregados polos responsables da impresionante montaxe.


Deixámosvos uns enlaces de prensa:




En definitiva, un día para recordar e para reivindicar.


2.3.10

Presentada a programación de actos do Concello da Coruña para conmemorar o 8 de marzo



A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, presentou a programación de actos do Concello da Coruña para a conmemoración do 8 de marzo, día internacional das mulleres.

A partir do lema VISIBILIDADE, onde se reivindican os traballos e as profesións menos valoradas, eque ocupan tradicionalmente as mulleres, preséntase un completo programa que incúe desde exposicións artísticas como a de MulleresxMulleres, que se pode visitar na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, cunha montaxe espectacular, ou de interese antropolóxico como Mulleres, espello de culturas, visitable no Kiosco Alfonso.

Os dous actos centrais arredor da celebración do día internacional das mulleres consistirán nunha recepción oficial a cen mulleres da Coruña de todas as idades, desde un a cen anos, para conmemorar o centenario desta declaración, e que se celebrará na Fundación Luís Seoane o sábado 6 de marzo ás 12:00 horas. Por outra banda, o propio 8 de marzo, na Sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita, ás 19:30 horas, inaugurarase a exposición VISIBILIDADE, acto central das actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá. A partir da serie de fotos "Resetea: cambia o teu rol", que se puideran visionar durante a celebración da segunda edición do festival arte+parte, cunha presentación espectacular, e acompañadas duns textos relacionados co eixo central desta conmemoración, como é meditar sobre a corresponsabilidade e a invisibilidade de moitas ocupacións e traballos que realizan, maioritariamente, as mulleres.



A fin de promocionar e divulgar os contidos desta exposición, a Concellaría distribuirá 10.000 postais -5.000 coa imaxe de Fran, ex-xogador do Deportivo e 5.000 con Pili Neira, ex-xogadora do Karbo, cinco veces campiona de España e seleccionadora galega de fútbol, que está acompañada na imaxe por varias xogadoras da selección- a través dun encarte na guía GO. Esta distribución desenvolverase tanto no Concello da Coruña como por concellos da área metropolitana. Esta guía distribúese, principalmente, en locais de hostelaría, hoteis, etc, de varias capitais do Estado. Polo especial interese desta exposición, as persoas responsables desta publicación decidiron incluíla na sección adicada a resaltar e difundir as principais actividades culturais que se desenvolverán no mes de marzo no conxunto do Estado.



Por outra banda, tal e como esta Concellaría vén desenvolvendo nos últimos anos, darase moita importancia aos obradoiros a desenvolver nos diferentes Centros Cívicos baixo o título de "Mulleres, portadoras de culturas", relacionados coa exposición do Kiosco Alfonso.

A principal novidade a respecto dos obradoiros é a inclusión da rede de Espazos de Atención á Infancia do Servizo de Canguros co desenvolvemento do obradoiro "Todas e todos traballando de igual a igual", dirixido aos máis cativos, e que se desenvolverá nestes espazos o propio 8 de marzo.



Un día especial será a celebración no Teatro Rosalía de Castro da Gala-Homenaxe a María Luz Morales Godoy, coruñesa e primeira muller en España en dirixir un xornal. No seu caso foi "La Vanguardia" de Barcelona, en plena guerra civil.

Durante esta Gala visionarase por vez primeira o documental realizado por Óscar Losada "María Luz Morales: a gran señora da prensa", contándose para amenizar este acto coa actuación do grupo LULAVAI: catro mulleres harpistas e cantantes que darán o seu toque singular a este evento. A cita será o 26 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía. A entrada será de balde ata esgotar localidades.



Tamén sinalou Margarida Vázquez a continuidade dos ciclos anuais sobre "Dereitos básicos e educación en valores na infancia". O 12 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Dereito de familia", e o 26 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Corresponsabilidade familiar. Saberes esenciais para convivir". Ámbolos dous a celebrar no Centro de Información ás Mulleres da rúa hortensias, s/n, teléfono 981 184 356.


1.2.10

Exposición "Mulleres, espello de culturas"


O próximo mércores, 3 de febreiro, inaugúrase no Quiosco Alfonso da Coruña, contra as 13:00 horas, a interesantísima exposición "Mulleres, espello de culturas", organizada polo Concello da Coruña e a Fundación "La Caixa", unha mostra etnográfica sobre o universo feminino a través de 135 obxectos de todo o mundo. Esta inauguración correrá a cargo de Margarida Vázquez, concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura.


Esta exposición traza un percorrido a través dunha selección de atractivas pezas -cedidas polo Museo Etnolóxico de Múnic- que adquiren nova vida como testemuños das mulleres que un día foron as súas usuarias. Cada unha das 135 pezas que compoñen a mostra -desde fotografías e esculturas até obxectos diversos, como vestidos ou xoias- é un fragmento de vida, aparentemente exótico e afastado, pero que permite abordar temas universais e compartidos por todas as mulleres do mundo.


A colección procede de sete culturas de África, Asia e América amazónica e setentrional, e permítenos, ao mesmo tempo, coñecer outras culturas e reflexionar sobre a nosa propia realidade familiar, social e espiritual. A mostra, organizada pola Obra Social "La Caixa" coa colaboración do Museo Etnolóxico de Múnic, e que despois do seu paso por CaixaForum Lleida se presenta na Coruña, divídese en tres ámbitos, cada un dos cales recolle varios temas comúns ás mulleres de todos os tempos e espazos, como a familia, o papel da muller na sociedade e a divindade feminina.


No mundo hai infinitos modelos de familia mais, en case todos, a muller tivo un papel primordial como nai, esposa, depositaria da tradición ou responsable da economía doméstica. Así, a exposición exemplifica o rol feminino, en diferentes xeografías e épocas, en relación coa maternidade, o matrimonio ou a división do traballo.


Mulleres, espello de culturas tamén se detén nas consecuencias sociais do feito de ser muller en distintas sociedades, con temas universais como a identidade da muller dentro do grupo, a súa capacidade de decidir sobre o seu propio destino ou a idealización da beleza feminina.