Mostrando entradas con la etiqueta San Andrés. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta San Andrés. Mostrar todas las entradas

10.9.10

A obra de Faith47 atrae atención e curiosidade sobre o Barrio das Flores


Fálase de vandalismo e de falta de respecto polos bens públicos e, en ocasións, privados. É unha constante dos últimos tempos encher titulares e conversas a conta dos destrozos que padece o mobiliario urbano. As causas, moi simplificadas, parten desde o manido "botellón" ata unha suposta falta de valores da nosa sociedade actual, e da mocidade actual máis concretamente.

O certo é que as diferentes experiencias artísticas que estamos levando a cabo desde a nosa Concellaría, todas elas centradas tanto na visibilización do protagonismo feminino nas artes, alonxado dos roles e estereotipos que comunmente levaba ese protagonismo asociado, como nas intervencións participativas de cara á rehabilitación e humanización de espazos urbanos degradados, ben sexa un muro do barrio do Ventorrillo ou do Barrio das Flores ou ben unha tradicional área comercial en decadencia -San Andrés 1.0-, demostran con meridiana claridade que a arte e os espazos urbanos que ocupa son respectadas polo conxunto dos cidadáns e cidadás que, amais diso, as aprezan.

Desde a finalización do muro de Faith47, aló polo 14 de maio, ata o día de onte, cando nos aproximamos a este espazo ubicado na rúa Petunias, mirando cara á entrada ao Pavillón Deportivo do Barrio das Flores, a obra desta artista sudafricana permanece inalterable, atraendo a un importante número de curiosos, tanto veciños como "foráneos", a esta "agochada" parte do Barrio das Flores.

Animámosvos a visitala, dar unha volta sobre si mesma na procura do texto que a complementa, e coidala con mimo. Esa obra penténcenos a tod@s.

13.7.10

San Andrés 1.0 conxugará historia, arte e comercio para revitalizar esta arteria coruñesa


O próximo venres 16 de xullo, a partir das 11:30 na confluencia das rúas de San Andrés e Santa Catalina, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e maila Asociación Comercial Zona Obelisco presentarán ante a prensa e o público en xeral a EXPO URBANA: San Andrés 1.0. A motivación destas seis intervencións artísticas dispostas ao longo de boa parte desta arteria comercial coruñesa en cinco baixos comerciais e un gran mural é aunar esforzos e disciplinas para, mediante un proceso participativo, reflexionar sobre a historia de San Andrés, o seu tradicional potencial comercial e a súa desmerecida situación actual a partir dunhas intervencións realizadas por diferentes artistas locais, algúns verdadeiramente mozos e mozas -alumnado procedente da Escola de Arte Pablo Picasso- de cara á súa revitalización urbana externa e "interna" ou espiritual, se se prefire.

Cómpre resaltar a colaboración de fotógrafos como Alberto Martí e Pepucho Castro así como a implicación do Arquivo Municipal da Coruña e o Centro de Emprego e Formación.

A intención dos organizadores é que estas actividades estean expostas ao longo de todo o verán de cara a aproveitar tamén a numerosa presenza de turistas polas nosas rúas, máis aínda se temos en conta a celebración do Xacobeo 2010.

Os próximos días iremos adiantándovos unha parte destes intervencións co ánimo de que vos aproximedes a partir deste venres a esta rúa coruñesa que forma parte do pasado, do presente e do futuro, sen dúbida, de todas e todos nós.