Mostrando entradas con la etiqueta Educación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Educación. Mostrar todas las entradas

21.11.10

Comezan os obradoiros de prevención nos centros educativos no marco da Campaña contra a Violencia de Xénero


• NO MARCO DOS ACTOS DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, A CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ DESEÑOU UNHAS ACCIÓNS EDUCATIVAS DIRIXIDAS A ALUMNOS DE PRIMARIA E SECUNDARIA

• AS ACCIÓNS INCLÚEN DESDE SESIÓNS DE CONTACONTOS ATA INTERVENCIÓNS PARA DESMITIFICAR OS TÓPICOS E PREVIR SITUACIÓNS DE VIOLENCIA DURANTE NAS RELACIÓNS DA MOCIDADE

• AS ACTIVIDADES INICIARANSE MAÑÁ NO CEIP CONCEPCIÓN ARENAL COA ACCIÓN DENOMINADA “CONTAMOS X=”

Durante a próxima semana celebrarase nos centros educativos da cidade os Obradoiros de Prevención da Violencia na Mocidade, no marco dos actos programados con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizados pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá.

Estas campañas educativas en igualdade de xénero celébranse en diversos centros de ensino da Coruña, onde se desenvolverán dous tipos de intervención. A primeira delas chámase Contamos X= (contamos por igual), e está deseñada para os alumnos de Primaria. Ademais do propio espectáculo do contacontos, as historias que se narran nesta actividade permitirán un traballo posterior onde se analizará o que hai de oculto, as implicacións do día a día… A través de actividades lúdicas complementarase a proposta para que as nenas e os nenos poidan descubrir novos patróns de conduta máis igualitarios. O primeiro grupo en participar neste obradoiro será o do CEIP Concepción Arenal, que repartido en diferentes cursos poderá asistir a estas actividades entre os días 22 e 23 de novembro.

Xa o día 24 esta actividade trasladarase ao CEIP Víctor López Seoane, onde se desenvolverá tamén noutra sesión o día 26. No CEIP Anxo da Guarda está previsto celebrar o obradoiro o día 29 de novembro, e o día 30 no CEIP Fernández Latorre. Xa no mes de decembro, o día 1 repetirase sesión no Fernández Latorre , e os días 4 e 5 levarase o obradoiro ao CEIP María Pita.

A outra actividade deseñada con motivo da campaña conmemorativa do 25 de novembro leva por título Nin príncipes, nin laranxas, e está destinada a alumnos e alumnas de ESO. O obxectivo desta intervención é desmontar os mitos e tópicos do denominado “amor romántico”, así como previr as situacións de violencia, en todas as súas formas, durante as relacións de noivado da mocidade. Asemade, procurarase xerar unha reflexión crítica sobre as diferentes discriminacións que as mulleres sofren no día a día, recorrendo para iso á presentación e análise de diferentes estudos estatísticos. Do mesmo xeito é fundamental desmitificar a idea de que a violencia exercida cara as mulleres nas relacións de parella está asociada a unhas determinadas condicións sociais e culturais.

Estas actividades desenvolveranse o día 23 no IES Menéndez Pidal e no IES Urbano Lugrís, onde se repetirán o día 24. O día 26 levaralse ao IES Salvador de Madariaga e o día 30 ao IES Paseo das Pontes.

Ademais, celebrarase outro obradoiro similar, para alumnos de ESO, denominado Somos dous, eu tamén conto, que se desenvolverá no IES Agra do Orzán (23 e 24 de novembro), no IES Paseo das Pontes (30 de novembro) e nos IES Menéndez Pidal e Urbano Lugrís ao longo do mes de decembro.

Campaña

A campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero está baseada nos contos infantís, representando ao modelo estereotipado de “princesa”.

O lema “que non che mintan princesa” acompañando a esta imaxe constitúe o chamado de conciencia sobre os roles difundidos desde o xénero do relato infantil e despois perpetuados por todo tipo de produtos e situación asociados á formación da persoa. “Hai un conto que queremos rachar”, sinala a concelleira de Igualdade a Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xa que “estamos falando dunha princesa á que non lle van seguir mentindo”.

25.10.10

Guía para practicar unha educación antisexista

O pasado xoves 21 de outubro, no marco do Seminario "Educando en igualdade", presentouse a Guía para practicar unha educación antisexista, excelente traballo realizado por Ana Iglesias Galdo por encargo da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá. Se estads interesados/as en conseguir un exemplar desta publicación, enchede o seguinte formulario de contacto e procuraremos atendervos coa máxima rapidez posible Evidentemente, estas peticións atenderanse ata esgotar existencias.

Esta guía pretende ser un recurso que contribúa a eliminar os sexismos da nosa vida cotiá, profesional, doméstica, social; convida a agudizar a mirada para detectar os elementos culturais que puideran ser discriminatorios para algún grupo social en particular, e require da implicación de toda a cidadanía.

Persoal técnico/voluntariado de diferentes servizos ou programas de dinamización sociocultural e deportivos, familias, profesorado, educadoras e educadores sociais... Persoas que asumen a práctica da igualdade entre mulleres e homes nun asunto da súa incumbencia, nun tema que lles afecta e intúen que se non se paran a pensar, alí onde só hai acción, acostuman a ser moi activos os estereotipos e prexuízos.

Non é esta unha temática cómoda, lúdica, para o esparcimento, ou o descanso. É unha proposta intrusa, incómoda, dado que se mete co modo de ser e de relacionarnos co mundo, introdúcesenos no ámbito máis privado. Toca a nosa biografía persoal que ten tanto de sociocultural.
Pensada para vós, para unha cidadanía que decide non ser cómplice de prácticas sexistas. É unha cuestión de xustiza social!

20.9.10

Dúas mulleres matemáticas protagonizan o inicio oficial do curso da Universidade da Coruña


Por primeira vez na historia desta institución, unha muller, Ana Tarrío Tobar (1963, Santiago de Compostela), profesora de Matemáticas e vicerreitora de Organización Académica da Universidade da Coruña, .foi a encargada de impartir a lección inaugural para o curso universitario 2010-2011 cunha conferencia sobre Xeometría Integral.

Ver o seu currículum

Ler o seu traballo sobre María Josefa Wonenburger Planells


Por outra banda, María Josefa Wonenburger Planells (Montrove-Oleiros, 1927-) foi investida Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña en recoñecemento a unha traxectoria vencellada ao mundo das matemáticas. De feito, formou parte da 1ª promoción de licenciados e licenciadas propiamente en Matemáticas cunha carreira de cinco anos, xa que ata daquela eran catro anos e denominábase "Ciencias Exactas". Foi a primeira muller española en gañar unha das bolsas concedidas polo Instituto de Educación Internacional dos EE UU. Especializada nas publicacións sobre Teoría de Grupos e Teoría de Álxebras de Lie, dirixiu a tese doutural de Robert Moody, que deu lugar á teoría coñecida como as Álxebras de Kac-Moody.

María Wonenburger e o seu "Grupo de Lie", Banff 2001 (Fotografía de Sylvia Thompson - Copyright © Robert V. Moody)

Para saber máis:

As mulleres nas matemáticas
Matilde Ríos Fachal
Baía Edicións. 2008

29.6.10

Participa na elaboración do II Plan de equidade do Concello da Coruña


Xa se pode participar na elaboración da diagnose de xénero previa á realización e efectivización do II Plan para a promoción da equidade do Concello da Coruña. Os enlaces desde onde podes intervir son os seguintes:


Web de Igualdade e Participación Cidadá en coruna.es

Blog de Igualdade en galego

Blog de Igualdade en castelán


Por outra banda, a prensa local faise eco da presentación do inicio desta campaña:


Voz de Galicia

Opinión de A Coruña

Ideal Gallego

25.6.10

O BANCO DO TEMPO XA ESTÁ FUNCIONANDO!!!

Durante o mes de Xuño xa realizamos varios intercambios entre as socias e socios do Banco do Tempo.

Na actualidade somos 28 socias e socios que xa dispoñemos de 3 horas “de balde” para poder empezar a facer uso de todo o que nos ofrece o Banco.

Durante este mes xa realizamos varios intercambios de masaxe, sesións de coaching, conversacións en inglés, reflexoloxía, manicura e o luns realizaremos un intercambio en pequeno grupo de internet básico.

Adxuntamos tamén o boletín actualizado onde podéis ver todo o que se demanda e se ofrece no Banco do Tempo. Se che interesa intercambiar algo do que se ofrece non dubides en contactar con nós.

Anímate e faite socia ou socio do Banco do Tempo!!!!


No seguinte documento poderedes coñecer as actividades que estamos desenvolvendo (Descargar AQUÍ):








28.4.10

Igualdade e Participación Cidadá promove o I Concurso escolar de debuxo e pintura “Xaque á violencia de xénero”


A Coruña, 28 de abril de 2010. A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, presentou o I Concurso escolar de debuxo e pintura “Xaque á violencia de xénero”, unha iniciativa destinada a impulsar a coeducación en valores igualitarios e a implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero. Vázquez convidou a todos os nenos e nenas escolarizados da nosa cidade da Coruña a participar no concurso, que ten por obxectivo “estimular a capacidade creativa dos nenos e nenas e potenciar as súas habilidades artísticas, ao tempo que coa realización dos seus debuxos se impliquen na loita contra a violencia de xénero e a favor dunha sociedade igualitaria tanto para homes como para mulleres”.

O concurso se enmarca na celebración da unha xornada de partidas de xadrez simultáneas baixo o lema “Xaque á violencia de xénero”, que se desenvolverá nas instalacións do Centro Comercial Los Rosales o próximo 8 de maio a partir das 17:00 horas organizado por o clube de xadrez Mijail Tal, en colaboración co Centro Comercial Los Rosales e a Concellaría de Deportes do Concello da Coruña.

Margarida Vázquez sinalou a importancia da implicación social na eliminación deste tipo de violencia, da participación dunha institución coma o Concello da Coruña ou de entidades privadas coma o Centro Comercial Os Rosales, nunha actividade dirixida aos máis cativos como estratexia de coeducación transversal en valores. “Imos ver as imaxes que as nenas e nenos da Coruña teñen da loita contra a violencia de xénero”. Ao final da súa intervención resaltou tamén novemente a achega neste sentido do Centro Comercial Os Rosales ou da Mari Carmen Fernández, árbitro internacional de xadrez. Ésta última destacou as case 80 inscricións xa confirmadas para a partida simultánea que ela desenvolverá, sendo convidados todos os Centros escolares da cidade a participar neste concurso que pretende dar aínda máis realce tanto a esta actividade como á intención principal deste acto.

BASES DO CONCURSO DE PINTURA

Os nenos e nenas interesadas poderán participar neste concurso de dúas formas:

1. Concurso individual:
Poderán participar todos os alumnos e alumnas incluídos nas siguientes categorias de idade:

Benxamín.............................................de 5 a 8 anos
Alevín...................................................de 9 a 11 anos
Infantil……...........................................de 12 a 14 anos

Recibirán trofeo as cinco propostas mellor valoradas en cada unha das diferentes categorías.

2. Concurso escolar:
Poderán participar todos os centros educativos da Coruña que presenten unha obra colectiva realizada por alumnos e alumnas que en todo caso se sitúen entre os 5 e os 14 anos.

A proposta artística versará sobre a loita contra a violencia de xénero e os desexos dun futuro de igualdade real para homes e mulleres. Esta proposta debe incluír obrigatoriamente un lema ou título visible.

O Xurado, seleccionado pola Concellaría entre persoas de relevancia social e artística da nosa cidade, valorará tanto o texto ou lema escollido como os debuxos e pinturas. Éstes serán presentados en cartulinas de tamaño estándar (50x65) no Centro Comercial Los Rosales antes das 17:00 horas do 8 de maio.


Premios

Haberá trofeos para os cinco mellor clasificados do concurso individual e escolar. No caso do concurso individual, os traballos seran avaliados en cada unha das tres categorias diferenciadamente.

Os traballos presentados permanecerán expostos no espazo onde se desenvolverán as partidas simultaneas de xadrez, que terán lugar no centro Comercial Los Rosales o día 8 de Maio de 2010, a partir das 17:00 horas. No desenvolvemento das partidas daranse a coñecer os premiados en cada categoría.

Datos a incluír no anverso da cartolina:
1. Concurso individual:
Nome e apelidos da autora ou autor.
Colexio
Idade

2. Concurso escolar:
Nome do Centro
Autores e autoras
Idades dos autores e autoras

Información e inscrición para xogar as partidas de xadrez e para o concurso:

Teléfono 609873358

Email: partidasolidaria@gmail.com

E tamén entrando no banner deste noso blog blog Igualdade Coruña