11.11.10

O día 24 de novembro terá lugar a Mesa de coordinación interinstitucional na loita contra a violencia de xénero no Concello da Coruña

A erradicación da violencia que sufren as mulleres é un dos retos máis importantes da nosa sociedade actual. A violencia de xénero destroza vidas, socava a convivencia e limita a participación das mulleres na vida social impedindo o exercicio da súa cidadanía. As características da violencia exercida contra as mulleres ten levado ás institucións a realizar unha abordaxe integral para favorecer a implementación de estratexias de coordinación entre os diferentes ámbitos e profesionais que interveñen ao longo do proceso como condición necesaria para proporcionar unha atención de calidade ás mulleres en situación de maltrato, sen esquecer a dimensión preventiva.

O Concello da Coruña é consciente da importancia de mellorar a coordinación entre as institucións implicadas na loita contra a violencia de xénero, así como da necesidade de establecer pautas de actuación que redunden no beneficio da asistencia integral ás vitimas( nas vertientes sanitaria, policial, xudicial e social). Por este motivo o vindeiro día 24 de novembro terá lugar a Mesa de coordinación interinstitucional na loita contra a violencia de xénero no Concello da Coruña, cofinanciada coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

A intención desde proxecto é crear un espazo de coordinación, coñecemento profundo, reflexión e mellora da atención as vitimas de violencia de xénero, entre as distintas institucións implicadas.

ASISTENTES

Directora do CIM
Servizos Sociais de Atención Primaria
Coordinadora do ATENPRO. Cruz Vermella.
Técnica do SEMUS. Cruz Vermella
Directora da Casa de Acollida
Xerencia de Atención Primaria
Equipo Social CHUAC
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Colexio de Avogacía da Coruña
Colexio de Avogacía da Coruña
Colexio de Procuradores/as da Coruña
IMELGA
Director do Centro de Inserción Social "Carmela Arias y Díaz de Rábago"
Delegado Territorial de Galicia Institucións Penitenciarias
Inspector principal da Policía Local da Coruña
Unidade de violencia contra a muller. Subdelegación do Goberno da Coruña
Consultora OBZ
Directora da Area de desenvolvemento local. OBZ
Psicóloga CIS "Carmela Arias y Díaz de Rábago"

ACTUALIZACIÓN

Onte celebrouse a primeira xuntanza da Mesa de Coordinación cunha amplísima representación no Salón Amarelo do Pazo de María Pita. Quedan aquí unhas imaxes:


10.11.10

"Sen pecado concebida", este domingo no Centro Cívico e Social de Mesoiro


Este domingo 14 de novembro, a partir das 19:00 horas, terá lugar no Centro Cívico e Social de Mesoiro, coñecido tamén como Centro Cívico de Novomesoiro, a representación teatral "Sen pecado concebida", da compañía Mariclown. Esta obra dá comezo ás actividades que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá desenvolverá arredor da conmemoración do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero.

Esta obra foi estreada o 27 de marzo 2010 no Teatro Jofre de Ferrol, coincidindo co galo do Día Internacional do Teatro.

ARGUMENTO:

Esta traxicomedia comenza no funeral pola morte de Don Paco Mª da Pena, ilustre entre os ilustres, infiel esposo e un bon pai. Petarda alba, muller anacrónica, nai castrante e viuva polo estado civil, recrudece a relación coas súas fillas, Conchita e Purita. Terán que gardar loito por maís de oito anos........

A entrada é libre ata completar aforo.

4.11.10

Moción do Concello da Coruña con motivo da conmemoración do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia de xénero

Aprobada no Pleno do pasado 2 de novembro de 2010:


                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Queremos facer un chamamento á rebelión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero: non podemos consentir que esta situación siga manténdose e debemos pór, todos e todas, o noso máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal, e protexer as vítimas. A todas as vítimas.

Neste día, queremos mostrar o noso recoñecemento á coraxe e a valentía de tantas mulleres que, día a día, logran superar o medo e as barreiras – psicolóxicas, sociais, familiares, relixiosas…- erguidas ao longo de séculos de dominación machista, para rebelarse contra o seu maltratador.

Queremos denunciar a vergonzante e criminal campaña emprendida por algunhas persoas (apoiadas por grupos e medios de comunicación ultraconservadores) que pretenden instalar na nosa sociedade a falsa idea de que moitas das denuncias de maltrato que se presentan son inventadas, cando os datos demostran todo o contrario.

Hoxe máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. Porque o problema é de todos e non só das vítimas, sendo tamén de toda a sociedade, o deber da denuncia. Se ante unha agresión volvemos o cabeza e calamos, estamos colaborando a crear espazos de impunidade para os agresores e a incrementar o sufrimento das vítimas, na súa maioría mulleres pero tamén dos seus fillos e fillas.

No que vai de ano, 58 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados por violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos e nenas sofren, no seu medio e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.

As Leis tanto estatal como autonómica contra a Violencia de Xénero, non só protexen as mulleres, senón tamén a estas vítimas infantís da violencia de xénero. O pasado mes de abril, o Goberno estatal promoveu destinar un orzamento específico para a prevención e protección das vítimas infantís da violencia de xénero e elaborou un Protocolo de actuación para as Comunidades Autónomas, que agora estas deben pór en marcha de maneira urxente.

 Pero non abonda unicamente coa protección institucional. A denuncia facilita a posta en marcha do sistema completo de protección, tanto para as mulleres como para todo o seu medio. E este ano asistimos un triste escenario: a maioría das mulleres asasinadas non denunciaran a seus maltratadores e, polo tanto, non se puido protexer adecuadamente a súa seguridade persoal. Debemos ser moi conscientes do que o silencio é o mellor cómplice dos maltratadores porque lles proporciona a total impunidade e unha ampla liberdade para cometer os seus brutais actos.

Queremos facer un chamamento á conciencia de toda a cidadanía deste País para mobilizarnos contra os maltratadores, para que non encontren ningún resquicio de impunidade para os seus terribles actos. Coa lealdade e corresponsabilidade de todas as Administracións, coa unidade de todas forzas políticas contra o maltrato asasino, co Poder Xudicial aplicando a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e co esforzo e compromiso de todos conseguiremos erradicar a violencia de xénero.


                                                    MOCIÓN


- Instar noso Goberno Autonómico da Xunta de Galicia para que promova, a través dos medios públicos de comunicación, programas específicos de sensibilización da sociedade contra a violencia de xénero a fin de contribuír de maneira decisiva á erradicación deste terrible crime.

- Instar o Goberno do Estado e ao Goberno Autonómico da Xunta de Galicia, a implementar os recursos necesarios para a completa aplicación destas leis así como os necesarios programas para o establecemento efectivo de unha sociedade igualitaria e xusta.

- Instar o Goberno Autonómico da Xunta de Galicia a cumprir os Acordos que, sobre protección de menores expostos a medios de violencia de xénero, foron asumidos polas Comunidades Autónomas na reunión do Consello Sectorial de Igualdade celebrada en Abril deste ano 2010, coa posta en marcha do sistema de protección especializada de menores e de elaboración do Protocolo de atención aos mesmos.


A Coruña, 29 de Outubro de 2010.

Amplíase o prazo de inscrición nos cursos de carretilleira e montaxe de equipos informáticos


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá que dirixe Margarida Vázquez amplía o prazo de inscrición dos cursos de carretillera e montaxe de equipos informáticos, ata cubrir plazas.

Montaxe de equipos informáticos 350 h.

Requisitos: muller en idade laboral residente na zona da Agra do Orzán con coñecementos a nivel usuaria do entorno windows.

Operadora de carretilla elevadora. 40 h. (20 teoría e 20 práctica en almacén).

Data de inicio: 14 decembro 2010

Requisitos: ser muller en idade laboral residente na zona da Agra do Orzán.

(Mais información e inscricións: Oficina municipal Urbana-C. R/Corcubión 8, B. teléfono: 981 924 831)