20.1.10

"A trata de mulleres para a explotación sexual: enfoque desde os dereitos humanos"


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá organiza esta xornada de formación especializada e sensibilización cidadá, que se desenvolverá mañá xoves 21, en horario de mañá e tarde.

Esta xornada consiste nun obradoiro de formación especializada, impartido por Eva Sancha -experta da área xurídica do Proxecto Esperanza-Madrid- de 11:30 a 14:30 no Centro de Información ás Mulleres, rúa Hortensias s/n (Barrio das Flores), para o que se recomenda inscrición previa no teléfono 981 184 356.

Este obradoiro vai dirixido, preferentemente, a perfís profesionais e organizacións de ámbito policial, xurídico, sanitario, social, educativo, medios de comunicación, etc...

Os contidos inclúen asuntos como a conceptualización, os avances e desafíos para unha abordaxe desde o enfoque dos dereitos humanos no marco xurídico actual, estratexias de identificación, protección e atención ás vítimas ou o xeito de artellar redes.

Xa pola tarde, no Salón de Actos da Fundación Paideia, nun acto dirixido á cidadanía interesada, realizarase un Vídeo-Forum titulado "Voces contra a trata", que inclúe a proxección do documental homónimo, dirixido por Mabel Lozano en colaboración co Proxecto Esperanza, seguido dunha charla-debate.

Este Vídeo-Forum comezará ás 19:00 horas e rematará contra as 21:00.

Como vos indicamos, será na Fundación Paideia, praza de María Pita, 17.

Recoméndase confirmar asistencia no teléfono antes indicado, ao dispor de prazas limitadas.

Unha xornada de sumo interese, sen dúbida.

Agardamos contar con vós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario