A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, presentou a programación de actos do Concello da Coruña para a conmemoración do 8 de marzo, día internacional das mulleres.
A partir do lema VISIBILIDADE, onde se reivindican os traballos e as profesións menos valoradas, eque ocupan tradicionalmente as mulleres, preséntase un completo programa que incúe desde exposicións artísticas como a de MulleresxMulleres, que se pode visitar na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, cunha montaxe espectacular, ou de interese antropolóxico como Mulleres, espello de culturas, visitable no Kiosco Alfonso.
Os dous actos centrais arredor da celebración do día internacional das mulleres consistirán nunha recepción oficial a cen mulleres da Coruña de todas as idades, desde un a cen anos, para conmemorar o centenario desta declaración, e que se celebrará na Fundación Luís Seoane o sábado 6 de marzo ás 12:00 horas. Por outra banda, o propio 8 de marzo, na Sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita, ás 19:30 horas, inaugurarase a exposición VISIBILIDADE, acto central das actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá. A partir da serie de fotos "Resetea: cambia o teu rol", que se puideran visionar durante a celebración da segunda edición do festival arte+parte, cunha presentación espectacular, e acompañadas duns textos relacionados co eixo central desta conmemoración, como é meditar sobre a corresponsabilidade e a invisibilidade de moitas ocupacións e traballos que realizan, maioritariamente, as mulleres.
A fin de promocionar e divulgar os contidos desta exposición, a Concellaría distribuirá 10.000 postais -5.000 coa imaxe de Fran, ex-xogador do Deportivo e 5.000 con Pili Neira, ex-xogadora do Karbo, cinco veces campiona de España e seleccionadora galega de fútbol, que está acompañada na imaxe por varias xogadoras da selección- a través dun encarte na guía GO. Esta distribución desenvolverase tanto no Concello da Coruña como por concellos da área metropolitana. Esta guía distribúese, principalmente, en locais de hostelaría, hoteis, etc, de varias capitais do Estado. Polo especial interese desta exposición, as persoas responsables desta publicación decidiron incluíla na sección adicada a resaltar e difundir as principais actividades culturais que se desenvolverán no mes de marzo no conxunto do Estado.
Por outra banda, tal e como esta Concellaría vén desenvolvendo nos últimos anos, darase moita importancia aos obradoiros a desenvolver nos diferentes Centros Cívicos baixo o título de "Mulleres, portadoras de culturas", relacionados coa exposición do Kiosco Alfonso.
A principal novidade a respecto dos obradoiros é a inclusión da rede de Espazos de Atención á Infancia do Servizo de Canguros co desenvolvemento do obradoiro "Todas e todos traballando de igual a igual", dirixido aos máis cativos, e que se desenvolverá nestes espazos o propio 8 de marzo.
Un día especial será a celebración no Teatro Rosalía de Castro da Gala-Homenaxe a María Luz Morales Godoy, coruñesa e primeira muller en España en dirixir un xornal. No seu caso foi "La Vanguardia" de Barcelona, en plena guerra civil.
Durante esta Gala visionarase por vez primeira o documental realizado por Óscar Losada "María Luz Morales: a gran señora da prensa", contándose para amenizar este acto coa actuación do grupo LULAVAI: catro mulleres harpistas e cantantes que darán o seu toque singular a este evento. A cita será o 26 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía. A entrada será de balde ata esgotar localidades.
Tamén sinalou Margarida Vázquez a continuidade dos ciclos anuais sobre "Dereitos básicos e educación en valores na infancia". O 12 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Dereito de familia", e o 26 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Corresponsabilidade familiar. Saberes esenciais para convivir". Ámbolos dous a celebrar no Centro de Información ás Mulleres da rúa hortensias, s/n, teléfono 981 184 356.
No hay comentarios:
Publicar un comentario