11.3.10

Ultimando os preparativos para a apertura do Centro Social do Birloque, dependente da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá da Coruña


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá ten previsto abrir nos próximos días un Centro Social no Birloque, onde se desenvolverán diversas actividades tanto de participación cidadá e veciñal como as propias da área de igualdade.

Debemos lembrar que este Centro, coñecido como CIAM (Centro de Información e Asesoramento ás Mulleres) dependeu durante moitos anos do Servizo Galego de Igualdade, recentemente finiquitado polos actuais xestores da Xunta de Galicia, e nel prestouse un servizo tan necesario como foi o asesoramento legal e psicolóxico a mulleres vítimas de violencia de xénero.


Acceso ao Centro desde a Avenida Glasgow (número 10), xusto ao lado da marquesina do bus urbano.


Durante o ano 2009, a nosa Concellaría conseguiu acreditar por vez primeira o novo CIM (Centro de Información ás Mulleres) da Coruña, pertencente ao noso departamento, no edificio ubicado na rúa Hortensias s/n do Barrio das Flores. Era esta unha demanda histórica dos sectores sociais máis vencellados e preocupados pola situación de desamparo na que moitas veces se atopan as mulleres vítimas de violencia e os seus fillos ou fillas.

Os cambios na cartelería exterior e a continuada entrada de persoas traendo e levando mobiliario e equipamentos espertou xa a curiosidade das veciñas e veciños do barrio. Estamos seguros de que as actividades que alí se desenvolvan servirán como un grande activo social en toda esa área urbana da Coruña.


Entrada lateral ubicada na contrafachada oeste do Centro.


Así, entre este novo Centro, sumado ao CIM do Barrio das Flores, ao Centro Cívico e Social de Mesoiro, onde contaremos cunha importante liña de xestión, e á futura Casa das Mulleres, que se ubicará no Parque do Observatorio, quedará perfectamente conformada unha rede de centros ao servizo das políticas de Igualdade e Participación Cidadá.

Sobre as actividades que desenvolveremos no Birloque, así como en Novomesoiro, e sobre a futura Casa das Mulleres, falaremos en próximos días.


Un dos despachos dos que dispón o Centro.



Lugar onde se ubicará o servizo de Consexería.



Panorámica do Salós de Actos e Actividades.



Outra vista deste espazo, aínda pendente dalgunhas melloras.


No hay comentarios:

Publicar un comentario