O día de hoxe é un día especial para os medios de comunicación impreso na nosa Comunidade Autónoma, xa que é un dos tres únicos días do ano en que non se publican nin estás dispoñibles nos diferentes puntos de venda debido á festividade de venres santo, día non laboral para as e os xornalistas. Os exemplares publicados onte venres, 2 de abril, son os únicos dos que dispoñemos hoxe sábado, 3 de abril. Por isto, resulta para nós especialmente significativo que se dea conta en dous medios diversos de dous temas diferentes tratados pola nosa Concellaría.
Por unha banda, no Ideal Gallego, podemos ler unha completa información redactada por Ángela Fernández onde se destaca a inminente posta en marcha da Rede de Acollemento do Concello da Coruña, onde á actual Casa de Acollida sumaranse tres vivendas tuteladas para aqueles casos onde sexa máis necesaria e conveniente que estas mulleres vítimas de violencia conten cunha importante autonomía e independencia e, polo tanto, autoresponsabilidade exercida a respecto das súas propias vidas e das persoas, normalmente menoras, que as acompañan. Toda unha boa noticia da que daremos conta no seu momento.
Por outra banda, a Opinión da Coruña fai balance das políticas de Participación Cidadá destacando, como é de esperar sempre nun medio de comunicación a respecto do conxunto dos poderes públicos, aqueles aspectos aínda pendentes da súa posta en marcha, como son a nova división da Coruña en catro ou seis Distritos ou a posta en marcha do renovado Consello Social da Coruña. Neste longo artigo, Margarida Vázquez destaca as dificultades de implementar unha auténtica cultura de participación cidadá nunha cidade como A Coruña, se ben destaca os logros obtidos no que vai de mandato a respecto desta, como son o plan Urban, a Rede Coruña Emprega, a Mesa Sectorial de Comercio, o Foro de Participación ou o Foro da Mocidade, entre outros. Recomendámosvos, polo tanto, a leitura destes dous traballos e recordámosvos e respecto deste último aspecto que tedes aberta unha enquisa no blog Participación Coruña onde, precisamente, propoñemos expresedes a vosa opinión sobre se A Coruña conta actualmente cunha completa cultura de participación que abrangue a todas as partes implicadas ou, pola contra, esta cultura é máis matizable ou mesmo nula.
No hay comentarios:
Publicar un comentario