28.9.10

Información sobre os grupos de traballo do II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes do Concello da Coruña


Para realizar algunha aportación á elaboración deste Plan podedes facelo neste mesmo blog.

Con motivo da elaboración da diagnose para o futuro II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes, dende a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá estamos realizando grupos de traballo con diferentes axentes sociais da cidade da Coruña.

No mes de xullo realizamos un grupo co persoal da Rede Municipal de Escolas Infantís (REIM) e co persoal das bibliotecas que traballa co público infantil de 0 a 5 anos, no que se plasmaron propostas moi interesantes para o futuro Plan, nomeadamente no ámbito da educación.

No mes de agosto, a nivel interno, o persoal da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, tivo o gusto de poder contar coa experta internacional Natalia Navarro Oliván (colaboradora habitual da Consultora Sánchez-Albornoz, responsable do estudo de diagnose) que nos aclarou dúbidas e axudou a definir o enfoque que se lle quere dar ao novo Plan.

No mes de setembro seguimos a realizar diferentes grupos de traballo sectoriais, así, o martes 14 tivemos o grupo co sector económico, o xoves 16 o grupo coas asociacións de base e veciñanza, o martes 21 tocoulle a quenda ás asociacións culturais e deportivas, o xoves 23 convocamos ao sector educativo e o xoves 30 participarán os colectivos feministas e de mulleres da cidade.

Os grupos están tendo moi boa acollida, contando xa cunha participación dunhas 60 persoas, mediante as cales estamos a recoller distintas propostas, que poderán servir como medidas ou como puntos nos que incidir no futuro Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes do Concello da Coruña. Este traballo é especialmente importante porque a través del detectamos posibles necesidades e demandas da cidadanía, que están a dar conta das desigualdades que aínda hoxe existen entre mulleres e homes nos diferentes eidos da vida cotiá.

Pero para chegar a un coñecemento máis profundo de como se valora e traballa a temática de xénero, estamos a realizar tamén entrevistas co persoal técnico das distintas concellarías. Polo momento levamos entrevistado a unhas 40 persoas que nos están facendo achegas dende as diferentes áreas municipais (cultura, educación, urbanismo, medio ambiente, servizos sociais, mocidade, deportes, etc.).

O que pretendemos coa realización das entrevistas e dos grupos de traballo é implicar ao maior número de persoas neste estudo de diagnose, para que todas e todos esteades presentes nas políticas de igualdade que promove o Concello.

1 comentario: