Fálase de vandalismo e de falta de respecto polos bens públicos e, en ocasións, privados. É unha constante dos últimos tempos encher titulares e conversas a conta dos destrozos que padece o mobiliario urbano. As causas, moi simplificadas, parten desde o manido "botellón" ata unha suposta falta de valores da nosa sociedade actual, e da mocidade actual máis concretamente.
O certo é que as diferentes experiencias artísticas que estamos levando a cabo desde a nosa Concellaría, todas elas centradas tanto na visibilización do protagonismo feminino nas artes, alonxado dos roles e estereotipos que comunmente levaba ese protagonismo asociado, como nas intervencións participativas de cara á rehabilitación e humanización de espazos urbanos degradados, ben sexa un muro do barrio do Ventorrillo ou do Barrio das Flores ou ben unha tradicional área comercial en decadencia -San Andrés 1.0-, demostran con meridiana claridade que a arte e os espazos urbanos que ocupa son respectadas polo conxunto dos cidadáns e cidadás que, amais diso, as aprezan.
Desde a finalización do muro de Faith47, aló polo 14 de maio, ata o día de onte, cando nos aproximamos a este espazo ubicado na rúa Petunias, mirando cara á entrada ao Pavillón Deportivo do Barrio das Flores, a obra desta artista sudafricana permanece inalterable, atraendo a un importante número de curiosos, tanto veciños como "foráneos", a esta "agochada" parte do Barrio das Flores.
Animámosvos a visitala, dar unha volta sobre si mesma na procura do texto que a complementa, e coidala con mimo. Esa obra penténcenos a tod@s.
No hay comentarios:
Publicar un comentario