4.1.11

A CONCELLARÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ PRESENTA O CONCURSO “IGUAIS” DE PUBLICIDADE ANTISEXISTA


( +INFO E BASES A PARTIR DO 10 DE XANEIRO EN www.iguais.org )

 Margarida Vázquez e a artista local Elba Fernández “Pequena Suricata” presentaron as bases, que aparecerán publicadas no BOP de mañá, a imaxe gráfica e a web informativa e promocional deste concurso

 Os traballos poderán presentarse entre o 10 de xaneiro e o 10 de febreiro de 2011. As propostas premiadas, xunto cunha selección dos mellores traballos, serán coñecidas na primeira metade do mes de marzo, coincidindo coa conmemoración do 8 de marzo, Día internacional das mulleres

Da mesma forma en que a publicidade reflicte en moitísimas ocasións unha igualdade que existe, de certo, en tanto existe un corpus lexislativo que a consagra e en tanto houbo un cambio recente nos costumes que conduce cara a consecución deste obxectivo social, tamén resulta en máis dunha ocasión un vehículo de perpetuación e transmisión de roles e estereotipos desigualitarios, cando non discriminatorios, que axudan a perpetualos no tempo.

Durante o acto de presentación celebrado no Salón Real do Palacio de María Pita, Margarida Vázquez sinalou que coa convocatoria deste primeiro Concurso de publicidade antisexista “IGUAIS” se pretende reflexionar sobre os códigos da publicidade gráfica actual, a que resulta desde logo máis vistosa e influínte, á vez que achegar unha outra posible visión desta desde códigos igualitarios sen que se perda, en ningún momento, o seu carácter promocional e de difusión tanto de produtos como de ideas e necesidades.



Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas físicas ou xurídicas, profesionais ou non, maiores de idade e de calquera nacionalidade, individualmente ou en grupo, que presenten soamente unha obra ou composición inédita e non premiada con anterioridade e co texto en galego.

O tema do concurso é “ A igualdade entre xéneros, unha reinterpretación da publicidade de carácter sexista e discriminatorio”. Serán admitidos traballos de deseño realizados con calquer técnica, sempre nunha linguaxe cercana ao cartelismo e a publicidade. Os traballos presentados poderán afondar no concepto da contrapublicidade sempre e cando ésta non menoscabe os dereitos das empresas creadoras do deseño orixinal, e sen fundamentarse en referencias explícitas. Valoraráse a creatividade, calidade e carga crítica, que axuden ao espectador a reinterpretar as claves que actualmente rixen a linguaxe publicitaria, mostrando alternativas e visións diferentes sobre o cambio de roles. Así mesmo, será valorada a inclusión de textos ou slogans que axuden á dita reinterpretación.

Establécense os seguintes premios:

Un Primeiro Premio, por valor de 5.000 euros.

Ata dous accésits de 2.500 euros.

O xurado realizará unha selección dos mellores traballos para que a Concellaría realice diferentes proxectos expositivos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario