Difícilmente poderíamos imaxinar un mellor comezo ao ciclo de Xornadas "Contra Vento e Marea. Verbas e Pegadas dos Feminismos". A primeira boa noticia foi saber, por boca da Directora da Casa-Museo, Xulia Santiso, que o acto se trasladaba ao Salón de Actos da Real Academia Galega, antigo e clásico templo da masculinidade intelectual vedado ás mulleres ata hai ben pouco tempo. O motivo deste traslado forzado foi a cantidade de público asistente que tiña ateigado o local inicialmente previsto desde quince minutos antes das 17:00 horas.
A expectación por escoitar e compartir sentimentos e vivencias con María Reimóndez, autora de "O Club da Calceta", e da máis recente "Pirata", era enorme, como enorme foi a ovación que se levaron tanto María como as actrices Elina Luaces e Laura Ponte ao final da tarde, contra as 20:00 horas.
Seguindo o modelo das tertulias, María Reimóndez departiu co numeroso público sobre O Club e sobre feminismo nun formato ameno que non defraudou, tamén en moi boa parte grazas a Xulia Santiso, quen exerceu de mestra de cerimonias demostrándonos a tod@s que non era a primeira gran tertulia que dirixía e coordinaba.
Ás 19:00 horas en punto as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretaron dous monólogos extraídos desta novela e da súa adaptación ao teatro. Magníficamente interpretados por estas mulleres, puxeron o broche de ouro a esta primeira intensa, entretida e calurosa xornada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario