9.9.09

Mañá continúan as xornadas ‘Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos Feminismos’ na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán



 MARÍA JESÚS FARIÑA BUSTO FALARÁ MAÑÁ DA FIGURA EMILIA PARDO BAZÁN E CARMEN BLANCO FALARÁ DA FIGURA DE ROSALÍA DE CASTRO, SEGUIDO DUNHA MESA REDONDA SOBRE AS TRABALLADORAS DO FOGAR E UNHA REPRESENTACIÓN A CARGO DE MARIBOLHERAS PRECARIAS

 NESTAS XORNADAS FAISE UN PERCORRIDO DESDE AS PRIMEIRAS LOITAS FAMINISTAS DO SÉCULO XIX ATA Á ACTUALIDADE FACENDO ESPECIAL FINCAPÉ NO ÁMBITO GALEGO E TENTADO AMOSAR UNHA PANORÁMICA AMPLA E PRURAL

 ORGANIZA A CASA-MUSEO EMILIA PARDO BAZÁN EN COLABORACIÓN COA CONCELLARÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Coruña, 9 de setembro de 2009.- Mañá xoves continúan as Xornadas de ‘Contra vento e marea. Verbas e Pegadas dos Feminismos’ organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá que dirixe a nacionalista Margarida Vázquez, en colaboración coa Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Deputación, nas que se inclúen conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa.
A xornada de mañá conta coa conferencia de María Jesús Fariña Busto e Carmen Blanco ás 17.00 horas quenes falaran das figuras de Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro respectivamente.
María Jesús Fariña Busto presentará a figura de Emilia Pardo Bazán densde o feminismo. Profesora de Literatura, Española na Universidade de Vigo. A súa investigación está centrada na obra de escritoras, fundamentalmente hispanoamericanas como Cristina Peri Rossi, desde unha perspectiva teórica feminista. Ten publicado diversos artigos especializados e é coeditora de Escribir en femenino: poéticas e políticas (2001).
Carmen Blanco falará de Rosalía de Castro desde unha óptica feminista. Profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC). Participou activamente no movemento feminista galegos desde os anos setenta. Escribiu numerosos libros sobre cuestións referidas á escrita de mulleres ou a relación do xénero co poder, como O contradiscurso das mulleres (1995) ou Sexo e lugar (2006).
Despois destas dúas conferencias, ás 19.00 horas, terá lugar unha mesa dedebate sobre as ‘Traballadoras do fogar’ na que participarán representantes de distintas entidades como Xiara, ACSUR, Centro Atención Hogar-Cáritas, e Nomepisesofreghao.
A xornada rematará ás 21.00 horas coa representación de Maribingo a cargo de Maribolheras Precarias. Os ‘maribingos’ son unha recuperación dos tradicionais bingos nos que as mulleres de xerazóns anteriores atopaban un lugar onde poder reunirse e falar das súas cousas, superando o ámbito do doméstico e equiparándose ás actividades de tipo social dos homes. O colectivo reiventa este formato dotándolle dun contido crítico respecto ao xénero, pero sen esquecer o compoñénte lúdico de festa, na liña do resto das súas accións e produccións.
O lema ‘Contra vento e marea’ fora elixido por Emilia Pardo Bazán para reivindicar o seu compromiso co traballo intelectual tendo en conta as evidentes trabas da época. Con esta actividade búscase poñer en valor o legado da Condesa na actualidade, unha figura recoñecida pola súa defensa na debatida cuestión da educación das mulleres.
Así, proponse unhas xornadas de achegamento ás cuestións de xénero nas que a través de dous bloques (pioneiras e anónimas e feminismo) farase un percorrido desde as primeiras loitas feministas do século XIX ata a actualidade, facendo especial fincapé no ámbito galego e tentando amosar unha panorámica ampla e plural.
As xornadas son gratuítas, de acceso libre e realizaranse na Casa Museo Emilia Pardo Bazán (rúa Tabernas, 11) todos os xoves e venres do mes de setembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario