• NO MARCO DOS ACTOS DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, A CONCELLERÍA DE IGUALDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ DESEÑOU UNHAS ACCIÓNS EDUCATIVAS DIRIXIDAS A ALUMNOS DE PRIMARIA E SECUNDARIA
• AS ACCIÓNS INCLÚEN DESDE SESIÓNS DE CONTACONTOS ATA INTERVENCIÓNS PARA DESMITIFICAR OS TÓPICOS E PREVIR SITUACIÓNS DE VIOLENCIA DURANTE NAS RELACIÓNS DA MOCIDADE
• AS ACTIVIDADES INICIARANSE MAÑÁ NO CEIP CONCEPCIÓN ARENAL COA ACCIÓN DENOMINADA “CONTAMOS X=”
Durante a próxima semana celebrarase nos centros educativos da cidade os Obradoiros de Prevención da Violencia na Mocidade, no marco dos actos programados con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizados pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá.
Estas campañas educativas en igualdade de xénero celébranse en diversos centros de ensino da Coruña, onde se desenvolverán dous tipos de intervención. A primeira delas chámase Contamos X= (contamos por igual), e está deseñada para os alumnos de Primaria. Ademais do propio espectáculo do contacontos, as historias que se narran nesta actividade permitirán un traballo posterior onde se analizará o que hai de oculto, as implicacións do día a día… A través de actividades lúdicas complementarase a proposta para que as nenas e os nenos poidan descubrir novos patróns de conduta máis igualitarios. O primeiro grupo en participar neste obradoiro será o do CEIP Concepción Arenal, que repartido en diferentes cursos poderá asistir a estas actividades entre os días 22 e 23 de novembro.
Xa o día 24 esta actividade trasladarase ao CEIP Víctor López Seoane, onde se desenvolverá tamén noutra sesión o día 26. No CEIP Anxo da Guarda está previsto celebrar o obradoiro o día 29 de novembro, e o día 30 no CEIP Fernández Latorre. Xa no mes de decembro, o día 1 repetirase sesión no Fernández Latorre , e os días 4 e 5 levarase o obradoiro ao CEIP María Pita.
A outra actividade deseñada con motivo da campaña conmemorativa do 25 de novembro leva por título Nin príncipes, nin laranxas, e está destinada a alumnos e alumnas de ESO. O obxectivo desta intervención é desmontar os mitos e tópicos do denominado “amor romántico”, así como previr as situacións de violencia, en todas as súas formas, durante as relacións de noivado da mocidade. Asemade, procurarase xerar unha reflexión crítica sobre as diferentes discriminacións que as mulleres sofren no día a día, recorrendo para iso á presentación e análise de diferentes estudos estatísticos. Do mesmo xeito é fundamental desmitificar a idea de que a violencia exercida cara as mulleres nas relacións de parella está asociada a unhas determinadas condicións sociais e culturais.
Estas actividades desenvolveranse o día 23 no IES Menéndez Pidal e no IES Urbano Lugrís, onde se repetirán o día 24. O día 26 levaralse ao IES Salvador de Madariaga e o día 30 ao IES Paseo das Pontes.
Ademais, celebrarase outro obradoiro similar, para alumnos de ESO, denominado Somos dous, eu tamén conto, que se desenvolverá no IES Agra do Orzán (23 e 24 de novembro), no IES Paseo das Pontes (30 de novembro) e nos IES Menéndez Pidal e Urbano Lugrís ao longo do mes de decembro.
Campaña
A campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero está baseada nos contos infantís, representando ao modelo estereotipado de “princesa”.
O lema “que non che mintan princesa” acompañando a esta imaxe constitúe o chamado de conciencia sobre os roles difundidos desde o xénero do relato infantil e despois perpetuados por todo tipo de produtos e situación asociados á formación da persoa. “Hai un conto que queremos rachar”, sinala a concelleira de Igualdade a Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xa que “estamos falando dunha princesa á que non lle van seguir mentindo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario