AUDIO DE ISABEL MARTÍNEZ-RISCO: A CINZENTA REVISADA (aparece unha publi antes, pero logo escóitase a intervención completa)
AUDIO DE MARGARIDA VÁZQUEZ
•HOXE INAUGUROUSE A PROXECCIÓN DA FACHADA DO EMBLEMÁTICO EDIFICIO DA IMAXE DA CAMPAÑA DESEÑADA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
•O DESEÑO ESTÁ BASEADO NOS MODELOS ESTEREOTIPADOS DE MULLER NOS CONTOS INFANTÍS, E BAIXO O LEMA “QUE NON CHE MINTAN PRINCESA”
A terraza da Domus foi escenario hoxe do acto de inauguración da proxección da imaxe da campaña deseñada este ano pola Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As proxeccións, que tinguiron de rosa a fachada do emblemático edificio, repetiranse todas as noites até o 26 de novembro, convertendo a Casa da Humanidade, mal chamada Casa do Home, nunha plataforma para amosar á cidadanía coruñesa unha mensaxe de concienciación na cultura da igualdade.
O acto foi presentado por Isabel Martínez Risco, que destacou que esta campaña baseada na imaxe estereotipada da muller nos contos infantís, é “de absoluto impacto e innovadora”. Tras narrar unha versión libre, igualitaria, orixinal e moi divertida do conto “A Cincenta”, no que todas as personaxes rematan sendo moi felices e comendo un bo lacón con grelos, foi a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, a encargada de inaugurar estas proxeccións, tras lembrar que a lacra da violencia de xénero xa deixou no que vai de ano 62 vítimas mortais. Neste senso, a concelleira sinalou que a violencia de xénero non rematará até que exista unha sociedade igualitaria.
Con respecto á campaña, indicou que se elixiu o tema dos contos infantís, baixo o lema “Que non che mintan, princesa”, porque “desde a máis tenra infancia seguimos formando nenos e nenas cos mesmos clichés e os mesmos contos”, para concluír que a mensaxe que se quere dar é que “as mulleres non queremos príncipes que nos salven, nin queremos ser princesas, non queremos que nos mintan e queremos ser nos as donas do noso conto”.
Tras as palabras de Margarida Vázquez, que lembrou que este acto tamén serve para reivindicar que cada vez que lembremos a Domus falemos de humanidade, con homes e mulleres, iniciouse a proxección con música e danzas con sombras chinescas da compañía Entrecaixas. Ademais de proxectar a imaxe da campaña, na fachada da Domus podíanse lerse frases como “cariño, non sei que pasou non volverá suceder”, “se te portaras ben isto non ocorrería” ou “era un pai e un marido exemplar” que, desgraciadamente, se escoitan en moitos fogares ou se din cando ocorre unha traxedia provocada por estes actos criminais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario