Aprobada no Pleno do pasado 2 de novembro de 2010:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Queremos facer un chamamento á rebelión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero: non podemos consentir que esta situación siga manténdose e debemos pór, todos e todas, o noso máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal, e protexer as vítimas. A todas as vítimas.
Neste día, queremos mostrar o noso recoñecemento á coraxe e a valentía de tantas mulleres que, día a día, logran superar o medo e as barreiras – psicolóxicas, sociais, familiares, relixiosas…- erguidas ao longo de séculos de dominación machista, para rebelarse contra o seu maltratador.
Queremos denunciar a vergonzante e criminal campaña emprendida por algunhas persoas (apoiadas por grupos e medios de comunicación ultraconservadores) que pretenden instalar na nosa sociedade a falsa idea de que moitas das denuncias de maltrato que se presentan son inventadas, cando os datos demostran todo o contrario.
Hoxe máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. Porque o problema é de todos e non só das vítimas, sendo tamén de toda a sociedade, o deber da denuncia. Se ante unha agresión volvemos o cabeza e calamos, estamos colaborando a crear espazos de impunidade para os agresores e a incrementar o sufrimento das vítimas, na súa maioría mulleres pero tamén dos seus fillos e fillas.
No que vai de ano, 58 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados por violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos e nenas sofren, no seu medio e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.
As Leis tanto estatal como autonómica contra a Violencia de Xénero, non só protexen as mulleres, senón tamén a estas vítimas infantís da violencia de xénero. O pasado mes de abril, o Goberno estatal promoveu destinar un orzamento específico para a prevención e protección das vítimas infantís da violencia de xénero e elaborou un Protocolo de actuación para as Comunidades Autónomas, que agora estas deben pór en marcha de maneira urxente.
Pero non abonda unicamente coa protección institucional. A denuncia facilita a posta en marcha do sistema completo de protección, tanto para as mulleres como para todo o seu medio. E este ano asistimos un triste escenario: a maioría das mulleres asasinadas non denunciaran a seus maltratadores e, polo tanto, non se puido protexer adecuadamente a súa seguridade persoal. Debemos ser moi conscientes do que o silencio é o mellor cómplice dos maltratadores porque lles proporciona a total impunidade e unha ampla liberdade para cometer os seus brutais actos.
Queremos facer un chamamento á conciencia de toda a cidadanía deste País para mobilizarnos contra os maltratadores, para que non encontren ningún resquicio de impunidade para os seus terribles actos. Coa lealdade e corresponsabilidade de todas as Administracións, coa unidade de todas forzas políticas contra o maltrato asasino, co Poder Xudicial aplicando a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e co esforzo e compromiso de todos conseguiremos erradicar a violencia de xénero.
MOCIÓN
- Instar noso Goberno Autonómico da Xunta de Galicia para que promova, a través dos medios públicos de comunicación, programas específicos de sensibilización da sociedade contra a violencia de xénero a fin de contribuír de maneira decisiva á erradicación deste terrible crime.
- Instar o Goberno do Estado e ao Goberno Autonómico da Xunta de Galicia, a implementar os recursos necesarios para a completa aplicación destas leis así como os necesarios programas para o establecemento efectivo de unha sociedade igualitaria e xusta.
- Instar o Goberno Autonómico da Xunta de Galicia a cumprir os Acordos que, sobre protección de menores expostos a medios de violencia de xénero, foron asumidos polas Comunidades Autónomas na reunión do Consello Sectorial de Igualdade celebrada en Abril deste ano 2010, coa posta en marcha do sistema de protección especializada de menores e de elaboración do Protocolo de atención aos mesmos.
A Coruña, 29 de Outubro de 2010.
No hay comentarios:
Publicar un comentario