Ofrecemos aquí unha serie de fotos que retratan os diferentes procesos de realización das maquetas que máis de corenta nenas e nenos realizaron dentro do obradoiro "Cidade de convivencia e igualdade" que organizou a nosa Concellaría.
Preparando o taboleiro
Este obradoiro, que se desenvolveu ao longo de catro horas, dúas pola mañá e dúas pola tarde, foi impartido polo "Mestre" Pedro Astruga, quen fixo as delicias dos menores e dos seus pais e nais co uso de múltiples materiais moi doados de empregar e nada perigosos, mesmo para a rapazada de cinco ou seis anos, que tamén había.
Bloques de cartón prensado e pegamento, que non sabemos de onde saíu, porque non fixo falta para nada
A idea era ensinarlles a construír unha cidade pensada para a xente, pensada para vivir e desfrutar. Unha gozada exposta en dous grandes taboleiros realizados polos dous grupos nos que dividimos aos "novos artistas" que sumaban en total entre 4 e 5 metros cadrados de urbanismo exemplar. Unha cidade para a igualdade e a convivencia. Con edificios administrativos, museos, colexios, parque de bombeiros, instalacións deportivas, fontes e rotondas, amplos espazos verdes e de circulación, hospitais, Casa das Ciencias, Torre (de Hércules, claro) e vivendas, por suposto, condición indispensable para que vivamos as persoas.
As fotos están ordenadas cronolóxicamente, intentando recoller as diversas fases da creación. Darédevos conta de que omitimos as escenas onde se visen os nenos e nenas. Obrigas da lei de protección de menores, pero o importante para todos eles, a obra realizada, aparece aquí en todo o seu esplendor. Que vos gusten.....
Vestiario infantil improvisado. Pola mañá viñeron o dobre de menores esperados
Durante os próximos días, poderedes ver esta exposición nun lateral do hall do Forum Metropolitano. Despois, circulará polos Espazos de Atención á Infancia que temos por Coruña adiante: Centro de Emprego dos Rosales, Centro Cívico do Castrillón e Centro Cívico de Monte Alto. Xa vos diremos as datas.
Álex, Andrea, Sara, Xabi, Jorge, Lucía, e demais............ata a próxima!
No hay comentarios:
Publicar un comentario