14.3.11

Centos de persoas participaron nas actividades de tarde e case un milleiro asistiron aos concertos da noite


No transcurso do festival entregáronse os premios Iguais de publicidade antisexista. O primeiro premio recaeu en Noemí Cubillo, e os accesits foron entregados a Roberto Cores e a Celestino Barreiro e Rafael Rumbo

Durante a xornada os numerosos visitantes ao festival que se celebra en EXPOCORUÑA puidero ver ás equilibristas de Duelirium, ou a exposición colectiva “En Feminino” e pola noite o prato forte chegou co concerto de “Ojos de Brujo” e os grupos coruñeses Chotokoeu e Duplo Son


O Festival Mulleres Arte + Parte, celebrado onte en EXPOCORUÑA e promovido pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, acadou un grande éxito de participación, tanto nas actividades celebradas durante a tarde, na que se achegaron ao recinto centos de persoas, como pola noite, no programa musical, que chegou a reunir en EXPOCORUÑA a un milleiro de persoas. O obxectivo desta proposta multidisciplinar é reivindicar o papel protagonista das mulleres nas distintas disciplinas artísticas, nas que historicamente foi relegada como simple elemento decorativo. Ademais, no transcurso deste evento celebrouse o acto institucional con motivo do Día Internacional das Mulleres. Ao acto asistiron o alcalde da Coruña, Javier Losada, así como o primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, e a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez.
No transcurso deste acto fíxose público o fallo e realizouse a entrega dos premios de publicidade antisexista “Iguais”, do que permaneceron expostos durante toda a xornada os 60 traballos finalistas. O primeiro premio, dotado con 5.000 euros, foi entregado polo alcalde, e recaeu en Noemí Cubillo Rico, polo seu traballo titulado “Non é unha muller”. O primeiro accesit, dotado con 2.500 euros, foi entregado polo primeiro tenente de alcalde e Roberto Cores Ferreira, polo seu traballo titulado “Mente”. O segundo accesit, dotado coa mesma contía e entregado pola concelleira de Igualdade, foi para Celestino Barreiro e Rafael Rumbo, polo seu traballo titulado “Fíxate”.


Durante o transcurso do festival, que celebrou este ano a súa terceira edición, foron as mulleres o eixo condutor dun encontro no que se mesturaron as artes plásticas, as artes escénicas e, por suposto, a música. As primeiras en actuar, e levantando os aplausos de público de todas as idades, foron as equilibristas do dúo artístico galego Duelirium, integrado por Mercè Solé e Raquel Oitavén. As artistas fixeron un despregue da súa linguaxe propia, na que mesturan mimo, teatro, malabares e unha gran empatía co público con trapecio, danza vertical, voo, contorsión e danza.


Xa ás 19.15 horas celebrouse unha mesa redonda coas artistas participantes na exposición “En Feminino". Esta mostra pictórica colectiva comisariada pola artista coruñesa Rebeca Ponte, conta con obras da propia Rebeca Ponte, Belén Cossío, Mónica Pan,Lara Pintos, Noelia Buján e Yolanda Dorda. A exposición presenta a obra de seis artistas mulleres que na súa propia linguaxe creativa, diferente e persoal, dialogan co público a través do espazo expositivo sobre a imaxe da muller. De xeito indirecto, as artistas participantes realizan unha homenaxe a todas as mulleres da historia que tiveron que asinar as súas obras con pseudónimos ou nomes de home para que así as pezas puidesen ver a luz. A exposición “En Feminino” tense convertido nunha arma contra a violencia machista a través da expresión artística. Así foi considerada polo Instituto Catalán da Muller, que premiou esta mostra na que se transmite con sinxeleza, claridade e solidariedade un grito de liberdade e igualdade.

No transcurso do festival o público puido achegarse de forma gratuíta a contemplar esta mostra, sobre a que Rebeca Ponte presentou unha montaxe de danza – performance inspirada nas obras da mostra. Ademais, durante todo o festival proxectouse a videocreación “Autorretrato”, da recoñecida creadora Ana Domínguez, que é xunto con Ángel Rueda co-directora do festival de cinema S8 (Mostra de Cinema Periférico).


O prato forte chegou a partir das 21.30 horas, co programa musical, que incluiu os concertos dos grupos locais Duplo Son e Chotokoeu. Estas actuacións remataron co concerto culminante, a cargo do grupo Ojos de Brujo, que está realizando a súa xira de despedida, que comezou en xaneiro e rematará en decembro. Por tanto, o público coruñés, formado por en torno a mil persoas, foi un dos privilexiados que puido ver a Ojos de Brujo nunha das súas últimas actuacións.
Para poder levar adiante estas edicións do festival, a Concellaría de Igualdade ven contando coa colaboración estable de entidades e organizacións como están as empresas Gadisa, Begano e Estrella Galicia, así como o Centro Comercial Los Rosales e o Consorcio de Turismo da Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario