10.3.11

O festival Mulleres arte+parte 3 ofrecerá unha vídeo-creación de Ana Domínguez, codirectora do festival Cinema S8


Durante toda a tarde do festival, que se celebrará o sábado 12 de marzo en EXPOCORUÑA, proxectarase a video-creación titulada “Autorretrato”

Obxectivo deste evento, que terá carácter multidisciplinar e se pechará co concerto de “Ojos de Brujo”, é reivindicar o papel protagonista das mulleres nas distintas disciplinas artísticas

O recinto de EXPOCORUÑA acollerá o sábado 12 de marzo a terceira edición do festival Mulleres Arte + Parte, promovido pola Concellaría de Igualdade e concibido como un evento multidisciplinar que ten como obxectivo reivindicar o papel protagonista das mulleres nas distintas disciplinas artísticas, nas que historicamente foi relegada como simple elemento decorativo. Por tanto, serán elas o eixo condutor dun encontro no que se mesturarán as artes plásticas, as artes escénicas e, por suposto, a música, cun atractivo programa que se dará a coñecer en próximas datas.

Durante todo o transcurso deste festival, que dará comezo ás 18.30 horas, proxectarase a videocreación “Autorretrato”, da recoñecida creadora Ana Domínguez, que é xunto con Ángel Rueda co-directora do festival de cinema S8 (Mostra de Cinema Periférico).

A peza que os asistentes poderán ver en EXPOCORUÑA está inspirada na tribu dos Yanomami, que significa ser humano. Indica a videocreadora, en referencia á súa obra, que os Yanomami “tíznanse a pel cando van á guerra para que non os distingan na selva. A miña introversión convértese nunha pintura, que me defende…que me fai menos vulnerable...que me fai forte…Capas de auto protección das que me desposúo a intres, para cubrirme de novo”.

Ana Domínguez cursou estudos de arte en Santiago, Barcelona e Alemaña, onde se desenvolve a súa traxectoria artística, con exposicións e deseños de decorados e vestiario para teatro. Ao seu regreso a Galicia forma parte do grupo multidisciplinar e intercultural, Proxecto Ninguén, onde realiza performances pictóricas por todo o territorio galego sendo a autora da portada do disco Ball-Cans, xerme do espectáculo, ano 2000.

Comeza a realizar traballos no cine e a televisión como deseñadora artística e attrezzo. A partir de aquí desenvolve a súa creatividade producindo traballos audiovisuais de autor e creando os seus propios. Actualmente está inmersa na creación, dirección e produción do documental Os Fillos da Vide, á vez que desenvolve diversos traballos de vídeo-creación e instalacións como Tendales Azules, La Basura de mi Casa, Oyemiramundos e Guerreras Amarillas.

Desde o 2009 forma parte xunto con Ángel Rueda e Miguel Mariño de F.D.I , plataforma de Acción Audiovisual Performativa, que formou parte do OutonArte 2009 da Coruña. Actualmente con F.D.I ten prevista unha performance a finais de marzo no país vecino Portugal, concretamente en Oporto. É directora xunto a Ángel Rueda do (S8) Mostra de Cinema Periférico que chegou ao mundo no 2010.

PROGRAMA DO FESTIVAL

O acceso ao recinto de EXPOCORUÑA será gratuíto no que se refire á participación nas actividades previas aos concertos. O acceso ao programa musical terá un custo de 10 euros en entrada anticipada -que se poderá adquirir en Ticketmaster, Novacaixagalicia e Portobello- e 15 euros o mesmo día en taquilla.

O programa inclúe disciplinas como as artes plásticas, nas que destaca a exposición pictórica colectiva “En Feminino”, comisariada pola artista coruñesa Rebeca Ponte, con obras da propia Rebeca Ponte, Belén Cossío, Mónica Pan, Lara Pintos, Noelia Buján e Yolanda Dorda. A mostra presenta a obra de seis artistas mulleres que na súa propia linguaxe creativa, diferente e persoal, dialogan co público a través do espazo expositivo sobre a imaxe da muller. No marco desta exposición, Rebeca Ponte ofrecerá unha performance aos asistentes.

Tamén ofrecerase unha actuación do dúo artístico galego Duelirium, integrado por Mercè Solé e Raquel Oitavén, que desenvolve unha linguaxe propia deseñando as súas propias estruturas, elementos aéreos e vestiarios mesturados cun toque persoal. Trapecio, danza vertical, teas, voo, contorsión, danza, malabares…Son só algunhas das técnicas que fusionan nos seus espectáculos baixo unha concepción artística propia. Tamén se procederá, no transcurso do festival, a facer público o fallo do concurso “Iguais” de publicidade antisexista, ás 20.30 horas.

O prato forte chegará cos concertos , que comezarán ás 21.30 horas e inclúen aos grupos de fusión coruñeses Duplo Son e Chotokoeu. A xornada concluirá coa actuación do grupo Ojos de Brujo, que está realizando a súa xira de despedida, que comezou en xaneiro e rematará en decembro. Por tanto, o público coruñés será un dos privilexiados que poderá ver a Ojos de Grupo nunha das súas últimas actuacións, no marco do festival Mulleres Arte + Parte.

HORARIO DE ACTIVIDADES

Sábado 12 de marzo:

18.00: Apertura de portas.
18.30: Actuación das equilibristas da compañía Duelirium.
19.15: Comezo da mesa redonda coas artistas da zona expositiva “En Feminino”
20.30: Fallo do xurado do concurso “Iguais” de publicidade antisexista.
20.45: Danza-Performance “En Feminino”.
21.00: Final das actividades. Apertura da taquilla e portas do concerto.
21.30: Concertos: Duplo Son, Chotokoeu e Ojos de Brujo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario